Máis dun cento de alumnos de Xinzo concienciáronse sobre os riscos do alcohol e as drogas ao volante

Xornada formativa IES Antioquía
Máis dun cento de alumnos de Xinzo concienciáronse sobre os riscos do alcohol e as drogas ao volante
O IES Lagoa de Antela foi o escenario dunha campaña informativa sobre os perigos de beber ou drogarse á hora de conducir

Hai leccións que non se esquecen. Como a que esta mañá se impartiu no IES Lagoa de Antela de Xinzo de Limia. Máis dun cento de alumnos participaron nunha xornada de concienciación sobre os perigos de conducir baixo os efectos do alcohol e das drogas. Máis aló da teoría, os estudantes puideron comprobar, cunhas gafas 3D que simulan os efectos destas sustancias, os riscos de coller o volante despois de consumilas. E un exemplo valeu máis que mil palabras. A iniciativa foi organizada pola Xefatura Provincial de Tráfico, a petición do Concello.

Na xornada participaron o edil de Tráfico, Ramón Gómez; o xefe do destacamento de Tráfico da Garda Civil de Ourense, Juan Carlos Nogueiras; o xefe provincial de Tráfico, David Llorente; a subxefa provincial da DGT, Andrea Conde, e a xefa de sección de Seguridade Viaria da DGT en Ourense, Estrella Garrido.

Vídeos, charlas informativas e incluso medicións voluntarias de drogas ou alcohol completaron unha xornada que causou gran interese entre os mozos. Así o explicou Ramón Gómez: “Este tipo de iniciativas son esenciais para salvar vidas nas estradas e son moi ben recibidas polos alumnos, coma hoxe quedou demostrado neste centro educativo”.

Esta xornada de concienciación xa se levou a cabo no IES Cidade de Antioquía e o obxectivo non é outro que explicar aos mozos que o alcohol e as drogas son incompatibles ao volante.