Mañá 17, día das Letras Galegas dedicado a poetisa Xela Arias

image_gallery
Mañá 17, día das Letras Galegas dedicado a poetisa Xela Arias
O Concello de Xinzo programou dende espectáculos infantís e xuvenís ata un coloquio e concursos

O día das Letras Galegas non caerá do calendario sen que os veciños de Xinzo de Limia poidan presumir da súa lingua e homenaxear á escritora protagonista deste ano, Xela Arias. Sobre a representante da xeración que renovou nos anos 80 a poesía galega proxectarase un documental titulado “Xelia Arias, poeta nas marxes”. Será o día 23 no auditorio da Casa da Cultura, ás 19.00 horas, e trátase dunha iniciativa da Rede de Dinamización Lingüística da Xunta de Galicia que acompañarase dun coloquio ca directora da obra, Beatriz Pereira.

Para o propio Día das Letras Galegas, o luns 17 de maio, está previsto un espectáculo xuvenil na Praza Maior. Leva por título “De ti e mailo mundo que apañes” e será a compañía Xarope Tulú a encargada deleitar aos asistentes a partir das 12.00 horas. Tamén para esta xornada programouse unha venda de libros neste mesmo espazo, cun desconto do 20 % nos exemplares en lingua galega.

letras21_xela_limpAos escolares dos CEIP de Xinzo de Limia diríxese o espectáculo “O exército das paxariñas”, con Soraya Lema e coa música en directo de Adela Ríos. Será o xoves 20 de maio, a partir das once da mañá. Trátase dunha proposta de narración oral e música co que se pretende que os nenos e nenas coñezan o valor da poesía e a maxia das palabras da man de Xela.

Son tres os certames que se enmarcan no programa do Día das Letras. O Concello organiza a quinta edición do Concurso literario infantil e xuvenil de narración curta Carlos Casares e ata o día 28 está aberto o prazo para participar e así optar aos case 2.000 euros en premios para mercar exemplares nas librerías da vila. Os alumnos dos cursos de Infantil participarán cun debuxo, mentres que os de primeiro e segundo de Primaria acompañaran esta forma artística cun texto breve. As páxinas que deberán presentarse aumentarán ao mesmo tempo que a idade. Co fin de facilitar a participación, os relatos poderán ser enviados ao enderezo de correo electrónico cultura@xinzo.gal, incluíndo o título da obra e os datos do autor cun teléfono ou mail de contacto

Pola súa parte, a Fundación Carlos Casares organiza o concurso de debuxo “Quen é Toribio?”, dirixido a escolares dos CEIP e IES de Xinzo e un máis titulado “Unha cuberta para ...Xela Arias”, tamén para escolares.

A pesares de que a pandemia cambia a forma de festexar esta data tan relevante, o Concello de Xinzo de Limia elaborou un programa que tratará de involucrar a todos os veciños e veciñas con distintas actividades que se desenvolverán máis alá do día 17.