A matrona Genoveva Vázquez, xa ten o recoñecemento de Xinzo

Acto de homenaxe a Genoveva
A matrona Genoveva Vázquez, xa ten o recoñecemento de Xinzo
Homes e mulleres que aínda pasean por Xinzo débenlle a Genoveva Vázquez a súa entrada neste mundo.(Elvira Lama)

O concello reparou a memoria da matrona que asistiu partos na comarca durante máis de medio século cun emotivo acto no salón de plenos e co descubrimento dunha placa na súa casa.

Irmás de Genoveva

Numerosos veciños e veciñas de Xinzo de Limia, algúns deles aos que axudou a nacer Genoveva Vázquez Calviño, acudiron esta tarde á homenaxe desta matrona que asistiu partos de mulleres da comarca durante máis de medio século. O salón de plenos quedouse sen cadeiras libres, e non é para menos, pois tal e como asegurou a alcaldesa, Elvira Lama, “homes e mulleres que aínda pasean por Xinzo ou por calquera outro territorio débenlle a súa entrada neste mundo”. A rexedora insistiu na importancia da súa labor: “Muller traballadora, intelixente e humilde que foi na procura de quen a chamaba a calquera hora, é sobradamente merecedora desta homenaxe a titulo póstumo, que chega con moito retraso, pois morreu no ano 1971”.

Sobriña e alcaldesa no acto
Sobriña e alcaldesa no acto

O acto institucional dedicado a Genoveva Vázquez Calviño comezou coa lectura do acordo plenario no que se aprobou outorgar este recoñecemento público a título póstumo á matrona. A homenaxe tivo que retrasarse por diferentes motivos, entre eles a pandemia, pero esta tarde Xinzo de Limia reparou a súa memoria.