Medio Rural quere que esta comarca ourensá sexa referente de compatibilidade

IMG_1196.1
Medio Rural quere que esta comarca ourensá sexa referente de compatibilidade

O Conselleiro anunciou un plan estratéxico e outro de formación para impulsar a actividade agrogandeira na comarca da limia

O conselleiro do Medio Rural, José González, anunciou hoxe a elaboración dun Plan estratéxico do sector agrario da Limia que a Xunta prevé ter completado no verán de 2020. Esta iniciativa complementarase con outro Plan de formación agrogandeira específico para esta bisbarra ourensá, que inclúe, entre outras cuestións, o asesoramento sobre a xestión dos residuos e subprodutos como fertilizantes.

IMG_1238.1

O Goberno galego continúa o traballo iniciado hai meses na procura do máximo consenso posible con todos os axentes económicos e sociais da zona para impulsar a actividade agrogandeira desde unha perspectiva sustentable. Trátase de lograr que A Limia sexa referente de compatibilidade entre unha xestión ambiental adecuada e uns bos resultados económicos, reafirmou.

O que se busca en definitiva, sinalou o conselleiro, é mellorar a calidade dos produtos agroalimentarios e poñelos en valor, tendo en conta que os consumidores están dispostos a pagar máis por uns produtos de maior calidade, pero que tamén sexan máis respectuosos co medio ambiente.

Folla de ruta

O futuro plan estratéxico será a folla de ruta que defina o futuro do sector, partindo de diferentes premisas, pero tendo en conta especialmente a súa tripla sustentabilidade económica, social e ambiental, na procura da Galicia verde.Insistiu ademais que a elaboración deste documento será un proceso participativo, mediante a creación de diferentes mesas de traballo con todas as institucións e todos os axentes relacionados co sector agrario na comarca. Haberá mesas organizadas por temáticas (sobre os sectores da gandaría e a horta) e tamén unha de coordinación, na que estarán representadas as institucións públicas.

Tamén se tratarán aspectos ambientais, en especial os residuos agrarios e a súa xestión.

IMG_1227

José González sinalou que a Xunta está a actuar e por iso publicou unha consulta pública previa á elaboración e tramitación dun anteproxecto de lei reguladora do sistema integrado para a xestión de dexeccións gandeiras xeradas en explotacións de Galicia. O prazo para a presentación de achegas vén de rematar e agora vanse avaliar as diferentes alegacións presentadas.

O conselleiro avanzou tamén que “para respectar a economía dos gandeiros estase traballando na liña de que o Plan estratéxico de Galicia para a nova PAC contemple un ecoesquema que permita primar o tratamento dos residuos”. A finalidade é que “ese respecto medioambiental non supoña un custo económico para eles”, remarcou.

PRIMA POR METRO CÚBICO

IMG_1235

Desta forma, tal e como establece a nova PAC, facilitarase unha prima por metro cúbico de xurro –semellante á que xa existe por vaca nutriz ou por superficie– para compensar os gastos derivados da súa recollida, transporte e tratamento. Isto vai na liña –destacou González– de “demostrar esa Galicia Verde que queremos que se implante, para que traslademos tamén ao conxunto da cidadanía ese coidado ambiental no cultivo dos nosos produtos”.

Por último, José González concluíu que con estes plans estratéxico e de formación trátase de afrontar os retos de futuro e de demostrar que unha mellor xestión ambiental das explotacións é compatible coa mellora dos seus resultados económicos.

Desta Mesa da Limia forman parte, ademais dos responsables da Xunta, representantes do sector agrogandeiro da bisbarra, pataqueiros, ecoloxistas, regantes, asociacións profesionais agrarias e responsables doutras administracións.

IMG_1226