Moitos cambios no "novo" método de traballo da Comisión do Entroido 2018

IMG_4329
Moitos cambios no "novo" método de traballo da Comisión do Entroido 2018

Hoxe venres, día 7 de novembro, tivo lugar na aula 7 da Casa da Cultura de Xinzo de Limia, a terceira asemblea xeral do que será a comisión do Entroido de Xinzo de Limia para este ano 2018.

Hoxe venres, día 7 de novembro, tivo lugar na aula 7 da Casa da Cultura de Xinzo de Limia, a terceira asemblea xeral do que será a comisión do Entroido de Xinzo de Limia para este ano 2018.

Trátase da comisión con maior participación cidadá de todos os tempos, cun total de 27 integrantes adscritos á mesma de xeito voluntario, das 45 persoas que se presentaron á convocatoria da Concellería de Cultura hai xa tres semanas.

O modelo de traballo que desenvolverá esta comisión basearase en asembleas xerais e participativas e nos correspondentes grupos de traballo enmarcados nunha área específica do Entroido.

O modelo de traballo que desenvolverá esta comisión basearase en asembleas xerais e participativas e nos correspondentes grupos de traballo enmarcados nunha área específica do Entroido: música e actividades, tradición, decoración, infraestruturas, comunicación e promoción, finanzas, burocracias e relacións internas. Todas elas terán total autonomía de reunión. Este modelo busca nos seus obxectivos o respecto mutuo, a eficacia e a elección democrática de cada unha das decisións que se tomarán sobre o Entroido. Cada grupo de traballo contará cunha persoa representante a cal terá como labor presentar as propostas estudadas polo grupo e comunicarlle a este toda aquela información pertinente que xurda das asembleas de representación, que funcionará como segundo órgano de elección despois da asemblea xeral. Todo isto, cun moderador que rexerá a quenda de palabra e un secretario que tomará rigorosa acta do falado nas asembleas.

Nas últimas asembleas desta comisión, frutíferas a todos os niveis, tomáronse eleccións de grande peso para a celebración, que comezará xa o día 20 de xaneiro. Como principais obxectivos da comisión deste ano destacan:

Foi elección unánime da asemblea abandonar o método do Concurso Popular para elixir o cartel pola contratación de profesionais no eido do deseño e a comunicación

- A mellora da imaxe do Entroido, tanto cara ao público xeral como para os medios de comunicación. Foi elección unánime da asemblea abandonar o método do Concurso Popular para elixir o cartel pola contratación de profesionais no eido do deseño e a comunicación, que elaborarán non só un cartel para o evento, senón que se preocuparán de mostrar unhas liñas concretas de traballo para que o Entroido de Xinzo consiga unha estética pensada, atractiva e fresca.

- A mellora no aspecto da tradición, da súa salvagarda e recuperación, saíndo adiante iniciativas tales como a recreación dos ritos dos domingos previos que conforman o ciclo festivo do Entroido de Xinzo no desfile que ten lugar o Martes de Entroido, servindo o desfile como escaparate da tradición do Entroido de Xinzo; a celebración dunha Mascarada con traxes do sur da provincia de Ourense na mañá do Domingo de Oleiros ou o potenciamento da alborada do Domingo de Entroido, seguindo coa tradición case perdida que tiña o noso Entroido. Acordouse por consenso manter o Sábado do Colgamento do Meco pola liña marcada nos anteriores anos, debido á súa grande acollida e resultado, traballando na recuperación de figuras como o touro, os fachóns, os gordos e outros personaxes case esquecidos.

Ata o de agora o "novo" método de traballo acadado pola Comisión do Entroido está resultando frutífero.

- No aspecto financeiro tomouse a decisión de deixar de lado o método empregado ata o de agora para a recadación de diñeiro, e habilitar unha conta que se porá a disposición de todas as veciñas e veciños de Xinzo, onde se poderán ingresar as doazóns pertinentes de maneira voluntaria. O motivo desta elección foi a busca de transparencia confiando na vontade do pobo e na concienciación social, recordando que o Entroido é unha festividade popular e cada doazón é necesaria para que se faga posible.

Ata o de agora o "novo" método de traballo acadado pola Comisión do Entroido está resultando frutífero, chegando as máis das veces a un consenso dos 27 participantes ou, no seu defecto, á adopción de acordos por maioría absoluta, nun bo clima de traballo.

O seguinte punto a tratar será o encadrado no eido da música e as actividades, o mércores día 8 deste mes, seguindo debates sobre a limpeza, a seguridade ou a decoración nos días da festividade.