“Móllate polos ríos”

Edición2020
“Móllate polos ríos”

A actividade levarase a cabo o domingo co Toural como punto de encontro e os interesados en participar deberán inscribirse previamente e cumprir os protocolos para evitar os contaxios polo covid-19

Un ano máis, e xa van tres, Xinzo súmase á iniciativa do Proxecto Ríos que leva por lema “Móllate polos ríos” e que promove unha limpeza simultánea que se estenderá a 51 concellos de Galicia. Neste caso o obxectivo será deixar o Limia libre de lixo. Trátase de favorecer o voluntariado ambiental e a concienciación social nunha actividade prevista para o este domingo 26 de setembro e que terá a Alameda do Toural como punto de encontro, concretamente a zona xunto ao arco dos romanos ás 10.30 horas. O Concello fai un chamamento á participación e os voluntarios e voluntarias deberán inscribirse previamente no enlace que xa está a difundir a través das súas redes sociais: xinzo.gal/r/mollate.

Nesta limpeza voluntaria que se levará a cabo ao longo de toda a comunidade galega mobilizarase a numerosas persoas e asociacións, que co obxectivo de deixar os ríos libres de lixo, unirán os seus esforzos nunha xornada de concienciación. Todos eles será agasallados cunhas camisolas co lema da iniciativa. Xa se levou cabo unha actualización da páxina web http://proxectorios.org/limpeza, na que se especifica en que consistirá a actuación, onde se celebrará e os contactos para a súa coordinación.

Cómpre destacar que o Proxecto Ríos é un programa de Educación e Voluntariado Ambiental que ten a finalidade de dar a coñecer o importante papel dos cursos fluviais, amosar as súas problemáticas así como fomentar iniciativas que permitan á cidadanía o mantemento e a mellora dos ríos proporcionando as ferramentas que garantan a súa participación.

Protocolo covid-19

Durante a actividade respectaranse as indicacións pertinentes en relación á situación de pandemia. Recoméndase que os grupos sexan de dez persoas como máximo e se respecte sempre que sexa posible unha distancia de 1,5 metros. O uso da máscara será obrigatorio para todos os participantes e cada un debe levar postas as súas propias luvas.