Montse Lama testifica no xuízo do alcalde e contradí aos seus compañeiros de goberno

Xunta de Goberno 220917
Montse Lama testifica no xuízo do alcalde e contradí aos seus compañeiros de goberno

A exconcelleira de Persoal do Concello de Xinzo de Limia, Montse Lama, afirmou que era o alcalde "quen propoñía" aos traballadores que ían ser contratados.

"Eu veño a testificar libremente, mais non sei se o resto de testigos poderán dicir o mesmo". Así de contundente se mostraba Montse Lama ante a xuíza do Penal número 1 de Ourense, na que foi a segunda sesión do xuízo a Antonio Pérez –alcalde de Xinzo de Limia– por presunta prevaricación continuada.

Montse Lama testificou nunha liña diferente á dos concelleiros Manuel Casas e Manuel Cabas.

Nunha xornada que prometía ser tranquila, a que fóra concelleira de Persoal durante os anos nos que se produciran as contratacións obxecto de litixio xudicial, testificou nunha liña diferente á dos concelleiros Manuel Casas e Manuel Cabas, que xa pasaran polo xulgado no día de onte. Ante a cara de incredulidade do acusado, asegurou que era o rexedor, xunto co secretario quen se encargaban de todo o proceso de contratación e que a súa labor, cando o alcalde lle comunicaba a quen se ía contratar e a duración do contrato, era chamar á xestoría para llo trasladar.

Montserrat Lama, agora deputada de Transparencia na Deputación de Ourense –e concelleira de Comunicación en Xinzo de Limia– desmarcouse por completo do relato dos feitos do goberno. Afirmou que descoñecía se o rexedor lía ou non os informes relativos a contratacións e nóminas que tiña que asinar. Ante a pregunta da defensa, relativa a se a súa relación actual co alcalde era mala, respostou sinalando que "nin boa nin mala, simplemente non existe relación". A xuíza do caso e mais a fiscal tiveron que chamar á orde a Pérez, por emitir comentarios ou rirse durante a declaración de Lama. Concluía Lama comentando que o secretario deu conta en "nalgunha ocasión" en Xunta de Goberno do Real Decreto que limitaba as contratacións nos concellos para aclarar que todos "eramos coñecedores" dese tema.

Lama afirmou que descoñecía se o rexedor lía ou non os informes relativos a contratacións.

500Tras ela, foi o turno do que xa fóra concelleiro na época de Isaac Vila –este último volveu aparecer por alí– e concelleiro de Obras nos primeiros anos de goberno de Antonio Pérez. Malia que xa non está na corporación –dende as últimas eleccións municipais–, era membro do goberno na época na que se produciron estas contratacións. Antonio –por todos coñecido como Toni– sí concordou nas súas respostas coas testificacións previas dos dous tenentes de alcalde e coa versión do propio acusado. Sinalou que o alcalde asinaba sen mirar "todo o que o secretario do concello lle poñía por diante" debido, segundo él, á "grande confianza que tiña en Demetrio Martínez". "Non lembro que o secretario dixese nunca que había que facer proceso de selección para esas contratación", engadiu ante os requerimentos do Ministerio Fiscal.

Tamén testificaron hoxe dous dos traballadores municipais contratados de maneira supostamente irregular.

Tamén testificaron hoxe dous dos traballadores municipais contratados de maneira supostamente irregular en Xinzo de Limia. Ambos afirmaron ter sido interventores en diversos procesos electorais polo Partido Popular. Así mesmo, comentaron non coñecer como se tivera desenvolto o seu proceso de contratación, pois eles só querían traballar. O primeiro dos traballadores sinalou que a secretaria da exconcelleira de Persoal lle ofrecía a asinar o contrato sen lle ofrecer sequera que o lese e que el nunca se preocupou "de saber que posto era ou a duración mesma da contratación".

A segunda traballadora, sinalou que ela presentara a súa folla de vida una ano antes de que a secretaria da Montse Lama a chamara ao seu despacho para lle ofrecer un posto de limpeza ante unha recente xubilación. Así mesmo, comentou que ao rematar o primeiro contrato, a súa renovación só consistiu en lle preguntar se quería seguir e ela asinar o novo contrato. Ante a pregunta da xuíza sobre se coñece que o xulgado anulara os seus contratos tempo despois, a traballadora respostou que non coñecía esa información.

Mañá continuará unha nova sesión do xuízo ao recedor da capital da Limia, para o que o Ministerio Fiscal solicita ata 10 anos de inhabilitación. Entre os testigos que terán que responder ás preguntas de Fiscalís, acusación e defensa, atópase o concelleiro de Turismo e Cultura, Carlos Gómez, agora tamén deputado no Parlamento de Galicia.