As mulleres están "Invisibilizadas para a medicina"

As mulleres están "Invisibilizadas para a medicina"
O 23 de setembro, terá lugar en Xinzo unha xornada de reflexión sobre o nesgo de xénero no estudo e análise de enfermidades

A discriminación das mulleres como obxecto da ciencia é unha realidade que se debaterá na xornada “Invisibilizadas para a medicina”, organizada polo Consello da Cultura Galega e a Valedora do Pobo en colaboración co Concello de Xinzo de Limia e a Escola Rural de Saúde da Limia.

A xornada, desenvolverase o 23 de setembro no Auditorio Municipal Ángel Cocho e xirará en torno ao nesgo de xénero na análise e estudo de enfermidades.

O evento foi presentado esta mañá pola alcaldesa, Elvira Lama, e a coordinadora da Escola Rural de Saúde da Limia, Lola Rico.

A alcaldesa de Xinzo de Limia, Elvira Lama, destacou a importancia da xornada e engadiu: “Como representantes públicas debemos por en tela de xuízo estas realidades e acelerar os cambios que sexan precisos tanto na investigación como na comprensión das pacientes para o coñecemento dos seus corpos e das patoloxías que lle son propias”.

Pola súa banda, Lola Rico, coordinadora de Escola Rural de Saúde da Limia, afirmou que a xornada será “un gran paso para avanzar na igualdade” e para romper con estereotipos.

Programación

A inauguración está prevista para as 16.00 horas, e daráse paso a un faladoiro que presentará e moderará María Méndez, presidenta da Asociación de Periodistas de Galicia. Baixo os títulos Essure, unha historia de violencia obstétrica; A asbestose: estudo do amianto con perspectiva de xénero e Fibromialxia: dor invisible e xénero, unha mala combinación, ofreceranse diferentes charlas da man das expertas María Sabela Landín, presidenta da Asociación de Afectadas de Essure en Galicia; Sara González, gañadora do II Premio Valedora do Pobo para TFG con perspectiva de xénero e Rosa Cerqueiro, voceira do Movemento Galego de Saúde Mental.

O segundo faladoiro, que se prevé para as 18.00 horas, será moderado por María Xosé Porteiro, adxunta á Valedora do Pobo, e contará coas charlas do maxistrado Fernando Lousada, baixo o título As mulleres invisibles e a intervención de Lola Rico, coordinadora da Asociación Escola Rural de Saúde da Limia, que compartirá historias de vida de mulleres da Limia co título A experiencia de coidar-nos.