O Nadal transforma Xinzo con decoración e un programa con preto dunha trintena de actividades
“A programación estenderase ata o 8 de xaneiro e elaborouse pensando en favorecer a economía local, porque investir en Xinzo é axudar aos nosos veciños e veciñas” (Elvira Lama).
A ilusión polo noso” é o lema do programa de Nadal elaborado polo Concello de Xinzo de Limia, que transformará a vila ata despois de Reis cunha espectacular decoración e preto de 30 actividades. Aos nenos e nenas diríxense boa parte das propostas, se ben a ambiciosa programación está pensada para todos os públicos e para atraer a veciños de máis aló do concello. Os detalles déronse a coñecer esta mañá nunha rolda de prensa na que interviñeron a alcaldesa, Elvira Lama; o concelleiro de Cultura, Ramiro Rodríguez, e o edil de Promoción Económica, Manuel Pérez.
VOLVE O TREN POLAR EXPRESS

Un dos grandes atractivos será o tren do filme Polar Express, que se instalará na Praza Maior e que causou gran expectación o ano pasado. Ademais da decoración de diferentes casiñas que crearán pobos de Nadal nas rúas, haberá máis sorpresas que se irán desvelando co paso dos días e para manter a maxia destas datas.
A programación estará dividida en tres grandes bloques. Por un lado a música e o baile, coas tradicionais galas de Nadal das escolas de músicas municipais e grupos pertencentes ao concello como o Conservatorio ou a Banda de Gaitas, entre outras propostas. Destaca unha iniciativa da man de rapaces e rapazas da vila co nome Xplicit Prods, que traballará a arte urbana dende unha visión integradora.
Nun segundo bloque ofreceranse artes escénicas, circo, actuacións acrobáticas e maxia. En último lugar farase unha aposta polo ocio nun espazo emprazado na Praza Carlos Casares, onde se instalará unha carpa con atraccións para os máis pequenos.