Unha nova exposición en Xinzo que prepara o terreo para a Festa do Esquecemento

Unha nova exposición en Xinzo que prepara o terreo para a Festa do Esquecemento
A exposición pretende, en palabras de Marcos Argibay: "estimular o imaxinario colectivo para vivir a Festa do Esquecemento dunha maneira máis íntegra"

Ante a proximidade das datas de celebración da Festa do Esquecemento, inaugurouse onte unha exposición sobre a Limia castrexo-romana que estará na Praza Maior de Xinzo ata o día 22 de agosto.

Á inauguración asistiron varias persoas xa encarnando o seu papel de época, castrexo ou romano; membros da asociación Civitas Limicorum, organizadora da festa este ano; e a alcaldesa de Xinzo, Elvira Lama.

Un percorrido pola historia

Esta exposición consiste nun percorrido pola historia para achegar o ambiente e os coñecementos para vivir a Festa do Esquecemento dunha maneira máis completa.

En palabras de Marcos Argibay: "queremos estimular o imaxinario colectivo para vivir a festa dunha maneira máis íntegra". Nela refléxase como era o mundo castrexo e como foi o avance das tropas romanas pola Limia.

Pola súa banda Elvira Lama comenta que: "recrear a historia é rememorar o que fomos". E tras estas palabras menciona que Xinzo ten xa unha festa de Interese Turístico Internacional, o Entroido, pero que desde o Concello intentarán impulsar esta Festa do Esquecemento como unha festa "polo menos de Interese Turístico de Galicia".