Reparacións nas piscinas de cara a campaña de verán

Piscinas exteriores, Xinzo de Limia
Reparacións nas piscinas de cara a campaña de verán

A reparación consiste na substitución do firme por unha lousa de formigón con fibra que garantirá un uso axeitado do mesmo.

Nos últimos anos, as piscinas estereiores de Xinzo sufriron varios arranxos pero que non solucionaron o perigo aos accidentes. Por isto, o Concello de Xinzo decidiu levar a cabo unha reparación integral. A pavimentación ten deficiencias, polo que con frecuencia rompen as baldosas cerámicas, provocando feridas aos usuarios. Tan só unha actuación completa evitaría estes incidentes, polo que o executivo local destinou un total de 47.924 euros ás obras. Os traballos, que se están executando, consisten na substitución do firme por unha lousa de formigón con fibra que garantirá un uso axeitado do mesmo.

Antes de que comezase a tempada de verán deste ano, os operarios iniciaron a reparación para garantir a seguridade dos usuarios. O principal obxectivo é corrixir os danos observados no pavimento para o correcto desenvolvemento das actividades deportivas e lúdicas que se fan no recinto. Fíxose necesario acometer obras que garantan a seguridade dos usuarios das piscinas de xeito que o chan non provoque esvaróns cando está mollado. Estas razóns xustifican a reparación, co fin de ofrecer un servizo de calidade.

A alcaldesa, Elvira Lama, xunto cos concelleiros Ramón Gómez e Rafa Penabad, fixeron unha visita á instalación para ver a evolución dos traballos, que continuarán durante a próxima semana.

Tamén cómpre destacar a intervención que se está levando a cabo neste entorno para a posta a punto do complexo deportivo emprazado ao carón das piscinas, co roce e acondicionamento das zonas verdes.

Ademais, o Concello de Xinzo de Limia asumiu a xestión directa das piscinas, ao considerar que se trata da fórmula máis axeitada para ofrecer o servizo aos cidadáns. Tal e como explicou a rexedora no último pleno ordinario no que se aprobou por unanimidade a remunicipalización, os traballadores da piscina climatizada, nun acto de conciliación, pasaron ao convenio colectivo xeral do Concello e aceptaron prestar os seus servizos nas instalacións exteriores. O único servizo das piscinas que se externalizará é o do bar.