Tres parques infantís de Xinzo convértense en novos puntos de intercambio de libros

Tres parques infantís de Xinzo convértense en novos puntos de intercambio de libros

A iniciativa "Trocalibros" do Concello, coloca exemplares da categoría infantil e xuvenil nos parques infantís do Pombal, Toural e Galicia.

Desde o Concello de Xinzo de Limia din que: "Só hai que seguir catro pasos para disfrutar dunha auténtica biblioteca ao aire libre en Xinzo de Limia: escoller un libro, collelo, deixar outro a cambio e gozar da lectura".

Baixo esta premisa xorde a iniciativa organizada polo Concello que leva por nome Trocalibros. Esta fai unha invitación a veciños, veciñas e visitantes a compartir a paixón de ler. Nos últimos días colocáronse exemplares da categoría infantil e xuvenil nas casiñas instaladas para este fin e emprazadas nos parques infantís do Pombal, Toural e Galicia.

A alcaldesa de Xinzo de Limia, Elvira Lama, supervisou as casetas acompañada do edil de Infraestruturas, Rafa Penabad e recordou os obxectivos da iniciativa: “A intención é fomentar a lectura e inculcar aos máis pequenos que o que non se use pode ter outra vida. Ademais, achegamos así os libros aos nenos e nenas nunha época na que parece que se abusa das pantallas”.

Outros puntos "trocalibros"

Cómpre destacar que tamén estarán ao dispor dos apaixonados á lectura dúas maletas viaxeiras con literatura para todos os públicos nas piscinas exteriores de Xinzo de Limia, coincidindo coa época de verán e coas altas temperaturas que enchen este espazo de veciños, veciñas e visitantes a diario.

Para empregalas e intercambiar os libros débese seguir o mesmo procedemento que nas casetas: escoller un libro, collelo, deixar outro a cambio e gozar da lectura.

Os libros que se puxeron a disposición da cidadanía foron escollidos na Casa da Cultura, buscando que esperten o interese de diferentes grupos de idade.