Os pequenos do Rosalía descubrirán os segredos da “Fonte do Limia”

Folleto Fonte do Limia
Os pequenos do Rosalía descubrirán os segredos da “Fonte do Limia”
Os escolares realizarán esta ruta de sendeirismo en cuxa posta en valor colaboran, ademais da escola, Sendalimia, Pepe Xoga deseño...

Os escolares realizarán esta ruta de sendeirismo en cuxa posta en valor colaboran, ademais da escola, Sendalimia, Pepe Xoga deseño e a CHMS

 REDACCIÓN

redac@dendealimia.com

Twitter: @Dendealimia

Os alumnos de 5º e 6º de primaria do CEIP Rosalía de Castro de Xinzo de Limia descubrirán mañá tódolos segredos que agocha o roteiro “A fonte do Limia”. Unha iniciativa do centro educativo e da Anpa que coa colaboración da asociación Sendalimia, Pepe Xoga deseño e a Confederación Hidrográfica, traballaron na posta en valor desta magnífica ruta de sendeirismo. Grazas á axuda destes colectivos levouse a cabo a súa sinalización e o deseño e elaboración dun tríptico explicativo.

Mañá, unha vez que os escolares rematen o roteiro, porán o folleto a disposición “de todos os que o desexen, para que poidan coñecer e desfrutar dun estimulante paseo por unha das zonas máis fermosas do concello”, explican desde esta escola limiá, ademais de recordarnos que “camiñar é saúde, descubrir e desfrutar é vida”.

Día da árbore

Tamén o alumnado de sexto de Primaria do CEIP Rosalía de Castro celebraba o pasado 21 de marzo o día da árbore. Para honrar tal efeméride replantaron a beira dereita do río Limia, á altura do Parque do Toural con especies autóctonas, colocando a cada exemplar unha etiqueta co seu nome e a data da plantación, quedando encargados de coidar e supervisar o seu crecemento.

A actividade estivo organizada polo centro escolar e a Anpa e puido ser levada a cabo grazas á Concellería de Medio Ambiente do Concello de Xinzo de Limia e ao Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro, integrado no INORDE, que se encargaron de preparar o terreo e de doar ás árbores.

Como colofón final deste día tan especial toda a comunidade educativa reuniuse para celebrar un acto no que se leron textos de Castelao e R. Tagore sobre á árbore. Tamén, coa axuda de pequenos e pequenas de tódolos niveis de ensinanza plantaron un magnolio no patio do centro cunha placa In Memoriam de José Ramón González Alonso que fora mestre nesta escola. Ademais dun moi emocionado recordo de Noa que está a recuperarse.