A pista da Armada, terá unha senda peonil

Armada
A pista da Armada, terá unha senda peonil

Para levar a cabo as obras, moi demandadas polos veciños, xa existe unha partida consignada nos orzamentos do ano 2022

O continuo tráfico de maquinaria pesada causou estragos na pista da Armada, unha vía de dobre sentido que comunica as estradas OU-301 e OU-304 e que consigue desconxestionar o tráfico da vila. O seu arranxo é unha prioridade para o Concello de Xinzo de Limia, que xa ten unha partida consignada para as obras no orzamento do 2022, que está na súa fase final de elaboración. Os traballos consistirán na mellora do firme de máis dun quilómetro e máis de 11.000 metros cadrados de superficie.

En concreto, e tal e como explicou o concelleiro de Urbanismo, Ramón Gómez, a actuación contempla a reparación do firme en aglomerado de 8 centímetros, a creación de dous carrís de tres metros de ancho e dunha senda peonil. Tamén será necesario nivelar as tapas da rede de sumidoiros.

O executivo local avanza na elaboración do proxecto para levar a cabo unhas obras moi demandas e de gran importancia para a mellora das comunicacións do concello.

O orzamento para levar a cabo os traballos superará os 100.000 euros e, deste modo, preténdese que a pista da Armada deixe de ser obxecto de continuos arranxos por mor do tráfico de vehículos pesados. Cómpre recordar que na zona emprázanse diferentes almacéns agrícolas.