A Planta asfáltica non producirá impactos significativos

Obras da planta que se está a montar en Parada
A Planta asfáltica non producirá impactos significativos

O Servizo de Calidade Ambiental e pola Xefatura Territorial, describe nun informe do mes de xuño , a planta asfáltica de Parada de Ribeira como unha actividade \“que non é previsible que vaia a producir impactos adversos significativos"

A asociación sociocultural esgrime unha dobre e inapelábel motivación para que a Xefatura Territorial de Ourense da Consellería do Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas proceda de oficio por responsabilidade institucional á revogación inmediata da desafortunada resolución de incidencia ambiental ditaminada favorablemente o pasado 11 de xuño polo Servizo de Calidade Ambiental e pola Xefatura Territorial, onde literalmente descríbese a planta asfáltica de Parada de Ribeira como unha actividade \“que non é previsible que vaia a producir impactos adversos significativos sempre que se cumpran as condicións ambientais especificadas na documentación…\”
Para O Muíño da Lama o dano ambiental e para a saúde das persoas e de todo ser vivo en xeral exposto á este tipo de instalación é múltiple e gravísimo. Contaminación do aire e do medio ambiente por dióxidos de xofre e nitróxeno, monóxido de carbono, emisión de partículas contaminantes con nafta, formaldehido, arsénico e cadmio, risco de chuvias ácidas, vertidos procedentes dos enxaugados con gasóleo dos tanques de asfalto, contaminación de solos, acuíferos e augas subterráneas, fortes cheiros e irritacións da pel, ollos e afeccións dos sistemas respiratorio e nervioso, presión arterial alta, sinusite e predisposición ao desenrolo de cancro no sistema respiratorio.
A todo este grave impacto sobre a saúde, fauna, flora e medio, vai tamén asociado un forte prexuízo económico sobre a gandería, agricultura, horticultura, sobre a caza e a diversidade cinexética do TECOR \“Xinzo da Limia\”, xa que estes axentes tóxicos emitidos a atmosfera son bioacumulativos e interferirán de xeito pernicioso no progresivo deterioro vital de todo ser vivo exposto e afectado a estas emisións.
Asemade desta grave cuestión de irreparable prexuízo tanto para a saúde como o medio natural, cabe lembrar tamén que o actual regulamento estatal que derrogou ao antigo RAMINP para as chamadas actividades molestas, insalubres, nocivas e perigosas, hoxe tipificadas como Actividades Clasificadas, norma de aplicación supletoria en vigor na Xunta de Galiza, establece que a distancia mínima aos núcleos urbanos e zonas habitadas para este tipo de instalacións non pode ser inferior a 2.000 metros. Nun radio de 2.000 metros trazado desde a localización da planta asfáltica circunscríbense integramente os núcleos urbanos de Parada de Ribeira e Gudes (tan so á 500 metros de distancia), Guntimil, Mosteiro, Damil, San Pedro de Laroá, Laroá, Ouvigo, Covelas e Vilar, afectando a unha poboación de preto de 2.000 persoas de xeito directo. Dada a proximidade aos núcleos urbanos dos Concellos de Xinzo da Limia e Os Blancos, 3.000 metros, o seu impacto ambiental estenderase a preto de 10.000 persoas.
Para O Muíño Da Lama resulta inadmisible que o Servizo de Calidade Ambiental e a Xefatura Territorial de Ourense da Consellería do Medio Ambiente anhelen un responsable cumprimento dunhas condicións ambientais mínimas que de entrada xa non están a cumprirse, e máxime tratándose dunha sociedade construtora regularizada en 2010 despois de preto de vinte anos de actividade continuada sen a preceptiva licenza.
O Muíño da Lama esixe ao Servizo de Calidade Ambiental e a Xefatura Territorial de Ourense da Consellería do Medio Ambiente que troquen anhelos e desexos polo exercicio e cumprimento exhaustivo do control e supervisión que por lei lles compete ás Administracións Públicas, salvagardando de xeito meridiano as mínimas garantías legais tanto de protección da saúde das persoas como do medio ambiente, así como do interese público e xeral; garantías imprescindibles para que unha resolución de incidencia ambiental favorable auspiciada en desexos, previsións e presuncións de responsabilidade e boa fe sobre o papel para unha instalación catalogada dentro das chamadas Actividades Clasificadas como molestas, insalubres, nocivas e perigosas, e distante á so 500 metros de varios núcleos habitados, proceda a ser revogada de oficio de xeito incontestábel e inmediato.