O Pleno aprobou por unanimidade a exención do pago das terrazas

pleno 21.10.21
O Pleno aprobou por unanimidade a exención do pago das terrazas
Isto supón para a hostalería un aforro de máis de 75.000 euros dende o 2020

Ao pleno ordinario celebrado esta mesma mañá en Xinzo asistiron todos os concelleiros de forma presencial. Foi esta a primeira ocasión despois de case 19 meses que todos os munícipes se encontraron cara a cara para debater as moitas propostas en canto a ordenanzas municipais e en mocións presentadas polos populares.

Por unanimidade saíu adiante a modificación da ordenanza fiscal reguladora da taxa polo servizo de sumidoiros e a modificación da ordenanza fiscal reguladora da taxa pola subministración de auga a domicilio, aplicándose a subida segundo o IPC.

O pleno tamén deu luz verde a ordenanza reguladora das taxas por utilización das pistas de Pádel cara ao ano que ven.

MUNICIPIO TURÍSTICO

Outra das mocións presentadas, neste caso polo grupo de goberno foi a de solicitar a declaración de municipio turístico para Xinzo, moción defendida pola alcaldesa que non contou cos votos do grupo popular, argumentando que iso era como “pedirllo aos reises Magos. Elvira Lama respostou que este era o primeiro paso.

Co voto en contra do Partido Popular aprobouse o expediente de modificación de créditos para facer fronte a gastos que non se poden demorar. Inclúense importes destinados a actos deportivos ou relativos á programación de Nadal. A alcaldesa, Elvira Lama, explicou que o goberno local está xestionando os recursos da mellor maneira posible e engadiu “Estamos cambiando Xinzo, é unha realidade. Hai moitas necesidades que atender e esta modificación de crédito permitirá cumprir obxectivos e pagar facturas de aquí a finais de ano”.

1634835357673

En canto as mocións, aprobáronse por unanimidade a relativa a solicitar medidas para a rebaixa do prezo da luz e a proposta para facilitar a cobertura do persoal médico na atención primaria. Sobre esta última pronunciouse tamén Lama: “Despois de formar aos profesionais hai que sacar as prazas para que non teñan que emigrar. Ao finalizar o debate outorgóuselle a Medalla do Concello de Xinzo de Limia ao inspector da Policía Local, Germán Bolaño, pola súa dedicación a prol da seguridade dos veciños. Foi un acto moi emotivo no que quixeron estar presentes familiares, amigos e compañeiros. A rexedora ofreceu un discurso no que agradeceu a súa entrega e recalcou: “Foi unha honra contar coa túa lealdade, co teu apoio e co teu consello”.