Pleno de “Guante Blanco”

211
Pleno de “Guante Blanco”

Oito mocións aprobadas por unanimidade

O primeiro pleno ordinario celebrado pola nova corporación Municipal encabezada por López Casas como alcalde aprobou oito dos nove puntos da orde do día por unanimidade.

TODAS AS MOCIÓNS CONSENSUADAS

Oito foron as mocións presentadas polos grupos políticos, a maioría da oposición que foron consensuadas en comisión e que foron aprobadas cos votos a favor de todos os membros da corporación.

Catro delas foron presentadas polo grupo de Xinzo Adiante (XA) entre as que destacaron polo seu consenso a hora de defendelas a de instar ao Goberno para que modifique a Lei de Telecomunicacións e ao goberno Municipal para que se desinstalen as antenas da rúa Ladeira.

Do mesmo grupo aprobouse a proposta de declaración dos terreos da Limia como zona de Emerxencia por mor das chuvias pasadas.

Os Socialistas levaron ao pleno a declaración do día 24 de febreiro como día de Rosalía de Castro e a moción na que solicitaron a reparación e o recoñecemento persoal de Cándido Fernández García , concelleiro de Xinzo, vítima da Guerra Civil e do Franquismo.

O Partido Popular levou ao pleno a moción para instar a Academia Galega para que se dedique o ano 2019 a Antón Tovar no día das Letras Galegas.

ROTURA DA UNANIMIDADE

A rotura da unanimidade que levaban ata aquel momento xurdiu no punto 11 no que o grupo de goberno presentou para a súa aprobación definitiva os presupostos do 2018 despois duns axustes ordenados polo Ministerio de Facenda.

Todos os grupos da oposición votaron en contra, como xa fixeran no pleno de aprobación provisional e os nove votos do grupo de goberno serviron para que os mesmos fosen aprobados.

A interventora tomou a palabra para explicar os cambios que se tiveran que facer polos axustes ordenados por Facenda e o alcalde defendeu a xestión dos gobernos anteriores nos que se baixou o endebedamento dende o 131% ao 50,8 actual .

Tamén dixo que o tempo medio de pago de facturas unha vez que non se computa a débeda con Fenosa estaba moi por debaixo do establecido pola Lei.

ROGOS E PREGUNTAS

No punto seguinte o alcalde foi respostando un a un os rogos e preguntas dos grupos da oposición.

Para rematar a portavoz do grupo Socialista Elvira Lama quixo que o pleno transmitirá os parabéns do seu grupo e da corporación aos profesionais do Centro de Saúde , polo recoñecemento a nivel nacional polo seu programa de atención cidadá.