A Policía investiga a máis de 300 residentes en Xinzo

412
A Policía investiga a máis de 300 residentes en Xinzo

No pleno aprobáronse medidas de urxencia para non baixar dos 10.000 habitante e perder ingresos.

Xinzo de Limia celebrou onte o seu pleno ordinario do mes no renovado Salón de Plenos da Casa do Concello. Un dos puntos máis salientables do día foi o da débeda que Xinzo de Limia mantén con Gas Natural Fenosa por importe de pouco máis dun millón de euros. Segundo explicou o rexedor, o Concello deixou de abonar esas cantidades porque entendía que o consumo facturado non se correspondía co real, como así o constata tamén un estudo de enxeñería externo. Con todo, a pesar de todos os intentos de establecer unha negociación, a compañía fixo caso omiso e acabou expondo unha reclamación económica por todas as facturas.

O obxectivo da corporación é non baixar dos 10.000 habitantes

Porén, o que sen dúbida foi o punto máis destacado da sesión foi o referido á revelación que o rexedor, Antonio Pérez, realizou como resposta a unha das mocións formuladas polos socialistas relativas á perda de poboación censada na capital da Limia . O primeiro edil manifestou, na súa alocución, que "nós xa vimos traballando no aumento do censo dende hai dous anos, non é nada novo. De feito, Policía Local e técnicos de Concello investigaron a 343 persoas das que sabemos que traballan, comen e dormen en Xinzo e, por contra, están censados noutros concellos. É máis, moitos foron dados de alta de oficio e pouco despois apareceron de novo de baixa e censados en municipios limítrofes", explicou Pérez. Ante este dato que poucos coñecían, o alcalde completou a infomación afirmando que se refire a "un barrio que todos coñecemos -o do Polígono-, no que unha grande parte da poboación, que mesmo ten negocio alí, aparece inscrita noutros municipios".

Continúa a lectura trala imaxe.

413

O obxectivo da corporación –e nesa liña iba encamiñada a moción presentada polo PSdeG– é non baixar dos 10.000 habitantes, o que provoca unha importante redución nos ingresos, e mesmo tamén do número de concelleiros da corporación municipal nunhas futuras eleccións locais.

Toda a corporación aprobou por unanimidade a moción que insta á Xunta a tomar medidas para a recuperación do Pazo de Meirás.

A sesión de onte tamén ratificou a concesión dunha axuda de 10.000 € á Escola Rural de Saúde da Limia. Xinzo Adiante, que votou en contra, censurou que se outorgase esa axuda a pesar de que a asociación sen ánimo de lucro non presentase unha memoria económica dos seus ingresos e gastos. O rexedor lembrou que a entidade promoveu máis de 200 talleres na Casa da Cultura e nas aldeas. PSOE e BNG abstivéronse na votación ao respecto.

Aprobadas por unanimidade as mocións de Xinzo Adiante

O pleno da capital da Limia aprobou por unanimidade unha moción de Xinzo Adiante para reclamar á Xunta que tome medidas para recuperar o Pazo de Meirás, en mans da familia de Francisco Franco.

Outra moción do grupo independente XA, que tamén foi apoiada por todos os edís, expuña a posta en marcha de monitores madrugadores nos centros educativos públicos da vila para posibilitar unha mellora da conciliación familiar.