Na praza de S.Roque sustituiranse todas as lousas

Lousas
Na praza de S.Roque sustituiranse todas as lousas
Con esta obra rematan as obras no casco histórico de Xinzo

Co fin de entorpecer o menos posible a vida cotiá de veciños e comerciantes, o Concello de Xinzo de Limia levará a cabo a última fase da reparación do firme do casco histórico entre feiras. Os operarios volveron ao corazón da vila e prevese que antes do 14 de outubro estean rematados os traballos na praza de San Roque, onde será necesario substituír a totalidade das lousas, e na rúa de Leopoldo Álvarez. Trátase da última actuación que se realizará este ano para mellorar a imaxe destas rúas onde as roturas das baldosas é unha constante pola orografía do terreo.

lousas2Tal e como explicou o concelleiro de Urbanismo, Ramón Gómez, aínda que se trata da fase máis complicada do proxecto, o executivo local tomou a decisión de paralizar os traballos durante o verán pola gran afluencia de visitantes e retomalas agora entre feiras para causar as mínimas molestias a veciños e comerciantes: “Pedimos a súa comprensión porque é unha actuación complicada na que será necesario substituír as baldosas”.
Nos últimos meses, o casco histórico de Xinzo de Limia foi mudando pouco a pouco de imaxe. En menos dun mes ás portas do verán, o Concello de Xinzo de Limia acometeu a reparación e substitución de ao redor de 400 lousas, a metade das que se encontraban deterioradas e foron contabilizadas na memoria do proxecto. Un total de seis rúas precisaban unha actuación urxente, non só para embelecer o corazón da vila, senón para minimizar os riscos de caídas e lesións dos veciños e visitantes que por el transitan.
As obras que están a piques de rematar son unha necesidade urxente pola demora da subvención do Plan Hurbe. O proxecto presentado á Xunta de Galicia dentro deste plan pretende a rehumanización do casco histórico, comezando, precisamente, polas rúas principais: Galicia, Lepanto e Constitución. A inversión contemplada é de 350.000 euros, dos que a Administración autonómica aportaría o 70 %.

Á espera de que a Consellería de Medio Ambiente dea luz verde á axuda solicitada e se poida levar a cabo unha actuación integral, o executivo local comezou os traballos que están a piques de rematar e que contaron cun presuposto de 47.295 euros para a substitución de 800 lousas no casco vello. Esta actuación ten como obxectivo tamén revitalizar o sector económico da vila, potenciando o pequeno comercio que se estende pola zona, na que hai dende tendas familiares ata despachos profesionais e establecementos de hostalería.