O prazo para cumprir coa lei de accesibilidade centra o pleno municipal de Xinzo

pleno
O prazo para cumprir coa lei de accesibilidade centra o pleno municipal de Xinzo

A lei xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social foi aprobada pola Xunta de Galicia e entrou en vigor en decembro de 2013. O periodo que se fixa no texto lexislativo para adaptarse á normativa remata en 2017 e o Concello de Xinzo retomou as obras nestes días para cumprir coa lei de accesibilidade.

Este tema centrou o pleno municipal que se celebrou na mañá do xoves no consistorio da vila. O PSOE presentou unha moción para a eliminación de barreiras arquitectónicas e mellorar a accesibilidade para todas as persoas. A proposta contou co apoio do BNG, Ramiro Rodríguez sinalou que "estamos a favor de que se eliminen as barreiras e se favorezca o acceso a calquera espazo de tódalas persoas". Dende Xinzo Adiante o seu portavoz, Manuel Pérez apuntou que "apoiamos a moción pois hoxe en día en Xinzo hai moitas persoas que o pasan mal porque non hai zonas que permitan a accesibilidade".

Dende o Partido Popular sinalaron que xa teñen levado a cabo numerosas accións para favorecer a accesibilidade de tódalas persoas. O concelleiro de obras, Manuel López Casas, destacou que "estamos cumprindo coa adaptación á normativa eliminando barreiras e seguiremos traballando neste punto e tamén instamos a outras administracións con competencia para que se adapten á normativa".

O pleno proseguiu con outro punto conflitivo como é a remodelación da avenida de Ourense. A oposición pídelle ó goberno que cumpran co proxecto presentado de dotar de beirarrúas e farolas a rúa, cousa din dende o PP, que xa están a traballar neste feito.

O proxecto de regadío para a Limia saiu a relucir cando se cumpre un ano dende que Alberto Núñez Feijoo prometera a súa posta en marcha na inauguración do Museo do Entroido. O rexedor de Xinzo, Antonio Pérez, sinalou que a empresa Tragsa encárgase de elaborar o plan de traballo e que se reunirán nas vindeiras semanas para ver a súa evolución.

Na quenda de cuestións, o PSOE preguntoulle ó alcalde se ía dimitir ante a situación na que se atopa á espera de si se abre xuízo oral pola súa presunta prevaricación na contratación de persoal. Antonio Pérez pola súa banda rexeitou contestar á pregunta.

A portavoz do PSOE, Elvira Lama, preguntoulle ó rexedor polo Presidente das Novas Xeracións do PP de Ourense, tras facerse público un vídeo no que denuncian os socialistas, fai unha apoloxía do fascismo. O alcalde dixo que José Antonio Parente conta con todo o seu apoio e restoulle importancia ós feitos.

Dende Xinzo Adiante quixeron preguntar sobre a orixe do denominado "xardín da Concheira" situado na Praza Carlos Casares, e que tanto rebumbio está causando entre a poboación. Antonio Pérez destacou que se trata dun traballo feito por unha persoa en calidade de servizos penitenciarios e engadiu "non entendo o debate por algo tan pequeno".