Preto dun cento de maiores participan nos obradoiros de memoria que o Concello de Xinzo xa estendeu a cinco parroquias

Taller sobre a memoria
Preto dun cento de maiores participan nos obradoiros de memoria que o Concello de Xinzo xa estendeu a cinco parroquias
A Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer e o executivo local uniron as súas forzas con esta iniciativa para mellorar a calidade de vida das persoas de máis idade

Exercitando a memoria loitan contra o esquecemento os maiores de Xinzo de Limia. Previr o deterioro cognitivo que causan as enfermidades que se agravan coa idade é o obxectivo dos obradoiros de memoria que promove o Concello de Xinzo de Limia, en colaboración coa Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer e nos que xa participan preto dun cento de persoas. Ganade foi a primeira parroquia na que se desenvolveu a iniciativa e, ante o éxito colleitado, o executivo local decidiu estendela a outros núcleos de poboación.

A día de hoxe, os obradoiros tamén se desenvolven en As Lamas, Morgade, Parada de Ribeira e San Pedro de Laroá, e a intención do Concello e que a cifra de localidades siga aumentando. Anímase a todos os veciños maiores de 64 anos a participar para mellorar a súa calidade de vida.

O Concello de Xinzo de Limia e Afaor levan anos unindo as súas forzas mediante convenios de colaboración. Antes de que irrompese a pandemia os esforzos centráronse en ofrecer asesoramento ás familias e aos coidadores das persoas con problemas cognitivos. Dende ese momento púxose o acento na prevención e colaboración entre a entidade e o executivo local seguiu aumentando.

Formación para coidadores

Cando se trata de enfermidades como o Alzhéimer, tamén cobra especial relevancia a atención ao coidador. En colaboración coa Confederación Española de Alzheimer, (CEAFA) programouse, para o 23 de novembro, unha sesión formativa que se dirixe ás persoas coidadoras. Será no salón de plenos da Casa Consistorial de Xinzo de Limia, de 19.00 a 20.30 horas.