Prisión provisional para o veciño de Xinzo acusado de agredir sexualmente a unha rapaza

prision
Prisión provisional para o veciño de Xinzo acusado de agredir sexualmente a unha rapaza

O mozo de 25 anos, veciño de Xinzo e con antecedentes, chegaba ó xulgado da vila a media mañá. No interior declarou hora e media acusado, presuntamente, de agredir sexualmente a unha moza na xornada do martes. Os feitos tiveron lugar nunha pista que comunica Xinzo de Limia con Rairiz de Veiga cando a moza estaba practicando deporte.

A vítima tamén declarou durante a xornada e manifestou que logrou fuxir tras ser agredida ata en tres ocasións polo acusado que esta mañá pasou a disposición xudicial.

Durante as declaracións decenas de familiares do mozo agardaban no exterior. Segundo recollen algúns medios de comunicación, o pai do acusado manifestou que o seu fillo é inocente dos feitos que se lle imputan.

O mozo que xa pasou polo cárcere anteriormente, estaba realizando traballos comunitarios para a concellería de Servizos Sociais de Xinzo.

Ó remate das declaracións a xuíza decretou o ingreso en prisión do acusado.