Programa da Festa do Esquecemento 2022

Programa da Festa do Esquecemento 2022
Este venres, 19 de agosto, comeza o Esquecemento coa apertura do mercado de artesanía ás 20:00 horas

A Festa do Esquecemento, promovida pola Asociación Civitas Limicorum en colaboración co Concello de Xinzo, comezará o venres e prolongarase durante toda a fin de semana.

VENRES, 19 DE AGOSTO

Os actos da Festa do Esquecemento comezarán o venres día 19 de agosto ás 20.00 horas coa apertura do mercado de artesanía que, como novidade, estará instalado no Toural. Estará acompañado dunha zona de xogos infantís.

Ás 20.30 horas abrirá o campamento castrexo-romano, con 40 grupos participantes e nel recrearase a vida e costumes de romanos e castrexos.

O desfile inaugural agárdase para as 23.30 horas e ao remate prenderase o Lume Sagrado, unha das representacións máis emotivas.

SÁBADO, 20 DE AGOSTO

O sábado día 20 de agosto pola mañá, a programación comezará ás 12.30 horas cun acto institucional e farase entrega dos Premios Bispo Idacio. Ás 13.00 horas, a lexión lucense da garda pretoriana, a Cohors Lucensium Praetoria, realizará un desfile.

A loita de gladiadores prevese ás 13.30 horas na Praza Maior. Para a tarde organizáronse obradoiros e ata unha xincana, que darán paso ao desfile da Festa do Esquecemento, no que participarán máis de 500 romanos e castrexos.

DOMINGO, 21 DE AGOSTO

O domingo día 21 de agosto, último día da festa, haberá pasarrúas dende a mañá e, ás 12.30 horas, oficiaranse os bautizos castrexo-romanos na Praza Xoan XXIII. O principal acto desta xornada será o Cruce do Río Lethes, previsto para as 17.30 horas.