O Concelleiro de Servizos Sociais e responsable da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Xinzo de Limia, Manuel Cabas, vén de publicar a memoria anual da agrupación na que se recollen datos das súas intervencións e actuacións neste pasado ano 2017.
Malia que baixaron considerablemente –case a metade– o número de actuacións que este grupo de voluntarios tivo que realizar conrespecto ao ano anterior, si aumentaron as súas accións en determinadas categorías como as emerxencias sanitarias ou os incendios –tanto urbanos como forestais–.
Así mesmo, tamén actuaron en accidentes de tráfico, salvamento, rescates de animais ou aportando información á cidadanía.
Outro dos datos máis destacábeis da memoria anual é o aumento de actividades formativas para os propios voluntarios, o que axuda a mellorar a atención e efectividade das súas accións.
"Das cousas que me tocaron vivir en política, o mellor foi ter coñecido a este equipo de voluntarios, dende o primeiro ao último e todos ao mesmo nivel", sinala Cabas na presentación do documento.
A agrupación de Protección Civil de Xinzo é a máis antiga da comarca da Limia e unha das máis vellas de toda a provincia. A súa labor voluntaria e sen remuneración cubre necesidades básicas da poboación e hónraos como persoas e profesionais. Moitas grazas polo voso traballo.