O PSdeG de Xinzo denuncia a ausencia de actos programados polo concello no Día da Muller

elvira lama entrevista1
O PSdeG de Xinzo denuncia a ausencia de actos programados polo concello no Día da Muller

Elvira Lama considera "indignante" que o goberno da cabeceira de comarca non teña previsto ningún acto que honre ás mulleres limiás. O único acto que se realizou foi grazas á Asociación Limisi de diversidade funcional.

"Estupor e indignación". Estas foron as sensacións que produciu nos membros do Grupo Municipal Socialista de Xinzo de Limia coñecer os actos programados polo concello para conmemorar o Día Internacional da Muller: ningún. Tal como relata a voceira socialista, Elvira Lama, estiveron agardando algún tipo de comunicación por parte do goberno local, nomeadamente, por parte da Concelleira de Benestar e Igualdade, sen recibir nin a máis mínima información. Foi máis tarde cando membros da Asociación Limisi, de persoas con diversidade funcional da comarca da Limia, lle comentaron que alertados ante a falta de convocatoria por parte do concello, se puxeron en contacto co goberno para, efectivamente, comprobar que o único acto previsto era o que tiña programado a asociación.

"De feito, se non chega a ser pola asociación –relata Lama– non habería ningunha conmemoración nunha vila da entidade de Xinzo". Segundo denuncian os socialistas de Xinzo, a desidia é tal que só unha concelleira do grupo socialista asistiu a este acto programado por Limisi na Praza Maior, sen que contasen co apoio do grupo de goberno do PP.

Dende o Grupo Municipal Socialista, consideran intolerable que a cabeceira dunha comarca que ten tantas e tan bravas mulleres incorporadas ao sector agrícola, teña un goberno que non é capaz nin de programar un acto que as honre a elas e ao seu labor. "Após a posta en marcha dunha lei socialista, como foi a de Desenvolvemento Sostible do Medio Rural, que anima ás mulleres a asumir o liderado nos sectores produtivos primarios, é inaudito que un concello que vive da agricultura non celebre os fitos das mulleres que contribúen ao desenvolvemento económico", comentan os socialistas limiáns.

Elvira Lama tamén sinala que, aparte da indignación que produce tal deixadez e falta de sensibilidade, este suceso vénse a sumar aos moitos que se producen no seu labor á fronte da oposición en Xinzo, posto que é habitual que a Conselleira de Comunicación e deputada provincial, Montse Lama, non comunique nin informe de absolutamente nada. Sobra dicir que neste caso estaba case eximida de tal obriga ao non existir programación, declaración ou actividade algunha que puxera en valor ás mulleres limiás.