Rematan esta semana as catas arqueolóxicas na Rúa da Igrexa de Xinzo

Rematan esta semana as catas arqueolóxicas na Rúa da Igrexa de Xinzo

Ata que estas catas estean completamente rematadas, o consistorio non procederá á adxudicación das obras para a rúa.

Os arqueólogos comezaron xa os anunciados traballos de prospección na Rúa da Igrexa –en Xinzo de Limia– e estímase que as catas estarán rematadas xa esta semana. Segundo informou aos medios o alcalde de Xinzo, Antonio Pérez, ata que estas catas estean completamente rematadas, o consistorio non procederá á adxudicación das obras para a rúa. A razón disto é o feito de que exista a posibilidade de que a Dirección Xeral de Patrimonio non permita a realización das obras para preservar o atopado tralas catas e recollido nos informes consecuencia das mesmas.

Con todo, o presidente do goberno local afirmou que no concello xa teñen todo preparado apra lanzar o proxecto no caso de que exista vía libre para o mesmo. O obxectivo é renovar todo o sistema de saneamento e abastecemento, así como o mobiliario urbano e a iluminación. Tamén se acometerá o empedrado destas dúas rús para que manteñan a consonancia co resto da zona histórica da capital da Limia.