Remataron os traballos na torre de Pena

cartel
Remataron os traballos na torre de Pena

Os resultados daranse a coñecer mañá á cidadanía nunha charla informativa. Día 30 ás 11 h.

Coa finalización dos traballos de acondicionamento e a colocación dos paneis explicativos, a intervención arqueolóxica na Torre da Pena chegou ao seu fin e o xacemento queda habilitado para as visitas. A Xunta de Galicia iniciou as obras de conservación o pasado mes de novembro e tiveron un período de execución de nove meses, tempo considerado escaso polo executivo local debido aos elementos atopados, polo que se solicitou que se prolongaran. Os resultados da actuación daranse a coñecer mañá nunha charla informativa prevista para as 11.00 horas na Torre da Pena. Israel Picón, director da intervención, será o encargado de ofrecer a conferencia.

Recuperar a muralla exterior da Torre da Pena foi o principal obxectivo das obras que se levaron a cabo neste símbolo do patrimonio cultural de Xinzo de Limia. Coñecida popularmente como o Castelo da Porteliña, erguida no século XII e abandonada e destruída seis séculos despois, só se conserva a Torre, unida historicamente a outras da comarca coma o Castelo de Sandiás, o da Forxa e a desaparecida Torre de Celme. O seu valor monumental e arquitectónico é enorme, polo que o goberno local estivo moi pendente das actuacións de recuperación que se executaron.