Renovacións na alameda do Toural

hortensias
Renovacións na alameda do Toural

A Alameda do Toural sométese a unha posta a punto integral co saneamento das árbores, a mellora do rego para mantela verde e a renovación do mobiliario

Co verán á volta da esquina, o Concello de Xinzo de Limia afánase en mellorar a imaxe dun dos lugares máis frecuentados por veciños e visitantes nos meses de calor, e mais nunha época de pandemia na que se buscan espazos ao aire libre para desfrutar do tempo de lecer. A Alameda do Toural estase a someter a unha posta a punto integral que incluirá, ademais do saneamento das zonas verdes, a renovación de catro bancos de formigón. A idea do executivo local é darlle unha nova vida aos asentos, que se retiraron por estar deteriorados e que serán pintados dun xeito especial.

Os profesionais que responden ao nome artístico de Ras e Ozono encargaranse de darlle unha nova imaxe aos bancos, un traballo similar ao que xa se fixo nalgunhas caixas eléctricas de vila e que agora teñen tamén unha función ornamental. Os asentos cobrarán unha nova vida e o Concello de Xinzo xa estuda facer o mesmo coa caseta que se atopa no parque e que se pretende integrar ao ambiente. A intención non é outra que facer aínda máis agradable un espazo que será a primeira opción para moitas persoas que buscan un lugar de esparexemento ao aire libre.

sistema de regoO arranxo dos bancos non é a única actuación que cambiará a imaxe da Alameda do Toural. Nos últimos días estívose traballando para arranxar o sistema de rego e evitar que a herba presentase zonas secas. Esta actuación continúa na busca de mais puntos avariados e evitar así que o tempo seco que se espera para os próximos meses cause estragos.

Tamén co fin de embelecer este espazo levouse a cabo a plantación de ducias de hortensias e rododendros no parque do Toural, unha actuación que se está a levar a cabo noutros puntos do municipio e tamén con outras especies como surfinias, tagetes, glicinas, dimorfotecas, conchitas ou diosmas.

Ademais, cómpre recordar que nos últimos meses procedeuse a retirar diferentes árbores en mal estado emprazados na Alameda e que incluso supoñían un grave perigo ao existir risco de que se precipitasen en calquera momento sobre os paseantes. Esta actuación realizouse seguindo as pautas de expertos. O goberno local encargou un informe para examinar dun xeito exhaustivo as distintas especies arbóreas. Coa asesoría técnica de arboricultura e o traballo dos profesionais na materia, seguiranse a acometer as correspondentes accións de saneamento e mantemento. Ata o de agora nunca se pedira este tipo de asesoramento.

O executivo local ultima estes traballos de acondicionamento das zonas verdes agardando que este verán, no que a pandemia parece que podería dar un respiro, os veciños e visitantes aproveiten o ocio seguro e agradable dos espazos ao aire libre que ofrece o concello