Reunión de "notables" en Xinzo

56
Reunión de "notables" en Xinzo

O acto central do Día das Letras Galegas este ano vaise celebrar en Xinzo de Limia, vila en que se criou Carlos Casares.

A Concellería de Cultura de Xinzo de Limia vén de convocar unha reunión para o venres ás 20 horas na Casa do Concello para tratar temas relacionados coa celebración do Día das Letras Galegas dedicado ao escritor limián Carlos Casares.

Están convocados a participaren da mesma a propia Fundación Carlos Casares, así como Xavier Casares –irmán do literato e presidente da Fundación– e os escritores limiáns Antón Riveiro Coello, Federico Cocho, Delfín Caseiro, o noso colaborador Rafael Laso, o historiador Miro Cerredelo e o antropólogo Manuel Mandianes.

Asistirán tamén á reunión Xosé C. Caneiro, Luís Glez.Tosar e Bieito Ledo da editorial Ir Indo.

Na reunión analizaranse as propostas de actos por parte do Concello de Xinzo de Limia e da Fundación Carlos Casares a realizar na capital da Limia e tamén as propostas que poidan traer a maiores cada unha das persoas asistentes á xuntanza.

Por parte do consistorio estarán presentes o concelleiro de cultura Luís Miguel Gil, o edil de turismo –e deputado no Parlamento Galego– Carlos Gómez e Antonio Pérez, alcalde de Xinzo, que presidirá a reunión.

Ducias de actos honrarán este ano a figura de Carlos Casares, a quen se lle dedica este Día das Letras Galegas. O pasado día 13 de febreiro presentáronse gran parte das actividades programadas pola Xunta de Galicia e a Real Academia Galega, como representacións teatrais, lecturas da obra de Casares, exposicións, conferencias, e unha axenda completa para lembrar e recoñecer a un autor que destaca pola súa obra e polo seu traballo a prol da cultura galega.

O acto central do Día das Letras Galegas este ano vaise celebrar en Xinzo de Limia, vila en que se criou Carlos Casares.