Dous detidos polos roubos en fincas da Limia

patacas
Dous detidos polos roubos en fincas da Limia
Encontráronlle varias baterias nos seus coches e recoñeceron os feitos

Dende fai uns días os agricultores de Xinzo de Limia están a sufrir unha serie de roubos nas fincas de patacas. Os ladróns sustraen, principalmente, as baterías empregadas nas máquinas dedicadas ao rego da pataca que traballan durante a noite.

Ademais de que o prezo dunha soa batería se sitúa entre os 90 e 120 euros a súa extracción pode danar o depósito do motor e inclusive parte do sistema eléctrico, polo que ao final os agricultores teñen que facer fronte a uns custos que poden chegar a superar os 4.000 euros. Normalmente o destino final destas baterías son as chatarrerías que compran o cobre a kilo.

Os feitos foron denunciados ante a Garda Civil que tras unha rigurosa investigación procedeu á detención de Manuel F.V., de 68 anos, e José Manuel Q.F., de 55, veciños de Allariz. Dita investigación permitiu comprobar que os dous arrestados fixéronse, os pasados días 29 e 30, con baterías procedentes de Xinzo de Limia, Trasmiras e Sarreaus.

Amador Díaz Penín, presidente da Asociación de Produtores de Pataca de A Limia, agradece o traballo levado a cabo pola Garda Civil na procura dos culpables dos furtos.