Ruta Xacobea pola Limia para poñer en valor a Vía da Prata

Ruta Xacobea logos 2
Ruta Xacobea pola Limia para poñer en valor a Vía da Prata

O obxectivo desta iniciativa é dar a coñecer, e pór en valor, a variable sur da Vía da Prata

O vindeiro sábado 10 de marzo, a Asociación de Amigos da Vía da Prata - Camiño Mozárabe de Ourense coa colaboración do Concello de Xinzo de Limia e da S. A. de Xestión do Xacobeo, desenvolverán unhas xornadas de promoción da variable sur da Vía da Prata, facendo tres etapas do Camiño Xacobeo dende Monterrei a Ourense, pasando polas vilas de Viladerrei, Xinzo de Limia, Sandiás e Allariz.

O obxectivo desta iniciativa é dar a coñecer, e pór en valor, a variable sur da Vía da Prata, despois de que a Xunta de Galicia a través da S. A. de Xestión do Xacobeo ampliaran a oferta de albergues de peregrinos, coa apertura do de Xinzo de Limia en setembro do 2017, que conta con 15 prazas máis unha habitación para persoas con mobilidade reducida.

A primeira etapa dende o Castelo de Monterrei a Viladerrei, terá a saída ás 8:00 horas da maña, dende o propio castelo, chegando a Viladerrei ao mediodía, onde teñen previsto facer o xantar ben con medios propios, ben nalgún dos restaurantes da vila, antes de regresar aos puntos de orixe.

Para facilitar a participación, a Asociación de Amigos da Vía da Prata - Camiño Mozárabe de Ourense, porá un autobús para os seus socios, que terá a saída de Ourense ás 7:00 horas da mañá.

Pola súa banda, o Concello de Xinzo de Limia tamén porá a disposición outro autobús gratuíto, que terá a saída ás 7:30 horas da Estación de Autobuses de Xinzo de Limia para todas aquelas persoas que desexen facer esta primeira etapa, e onde os participantes poderan xantar pola súa conta.

Os vindeiros sábados, 17 e 21 de marzo, desenvolveranse as etapas restantes coa mesma dinámica. O día 17 será dende Viladerrei a Xinzo de Limia, onde chegaran para xantar; e o día 21 con saída de Xinzo de Limia para rematar na vila de Allariz.