Só un dos once alcaldes da Limia acudiu á última reunión da Plataforma en Defensa do Partido Xudicial

reunión plataforma
Só un dos once alcaldes da Limia acudiu á última reunión da Plataforma en Defensa do Partido Xudicial
Xan Jardón, rexedor de Vilar de Santos foi o único presente na xuntanza, que os seus homólogos evitaron por motivos...

Xan Jardón, rexedor de Vilar de Santos foi o único presente na xuntanza, que os seus homólogos evitaron por motivos de traballo ou viaxes

REDACCIÓN redac@dendealimia.com Twitter: @Dendealimia

Dos once convocados, por fax e mediante chamada telefónica apareceu un, Xan Jardón. O rexedor de Vilar de Santos foi o único alcalde da Limia que respondeu ao chamado da Plataforma en Defensa do Partido Xudicial de Xinzo e acudiu á súa última reunión. O resto alegaron estar de viaxe ou inmersos en compromisos laborais que lles impediron asistir á xuntanza que estaba programada para onte ás 20 horas na Casa da Cultura.

Pero desde a Plataforma non se renden, e acordaron nomear a unha serie de responsables, entre eles o propio Jardón e os edís limiaos Manolo Pérez Campos, Elvira Lama e Ramiro Rodríguez para que se entrevisten cos alcaldes e “convidalos a participar na manifestación do 10 de xullo”. Unha marcha popular para protestar ante as intencións do goberno central de suprimir o xulgado limiao.

Foi precisamente esta manifestación a que centrou a orde do día da xuntanza deste colectivo, que acordou en termos organizativos e de loxística todos os pasos a seguir ata o día fixado para a marcha. Así o próximo venres, durante a feira comarcal, colocarase un posto da Plataforma na Praza Maior e sairán con megafonía “co obxecto de difundir a convocatoria do 10 de xullo”. Para a vindeira fin de semana preparan un buzoneo e xa para a semana que vén a emisión de cuñas radiofónicas que chamen á participación.  Finalmente, o próximo 5 de xullo celebrarase unha nova reunión “para ultimar os detalles da manifestación”. Nesta xuntanza elaborarase o comunicado final, e elixiranse as persoas encargadas de darlle lectura así coma as que portarán a faixa de cabeceira.