A Sociedade Galega de Historia Natural oponse á realización dun novo dragado no río Limia

rio limia sen pasarela
A Sociedade Galega de Historia Natural oponse á realización dun novo dragado no río Limia

O consistorio afirma que é necesario realizar unha "drenaxe para que o depósito de terras que hai no tramo urbano desapareza"

A Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) vén de denunciar publicamente a decisión da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil de proceder á realización dun novo dragado no río Limia, ao seu paso por Xinzo. Unha draga ou dragado non é máis ca unha operación de limpeza de rochas e sedimentos en cursos de auga co obxecto de aumentar a profundidade ou a capacidade de transporte de ouga dun río. Este tipo de operacións adoitan ter, potencialmente, un significativo impacto ambiental, que, segundo a SGHN debe ser evitado "deixando máis espazo aos ríos para se desenvolveren segundo unha dinámica máis natural.

A SGHN vén de presentar alegacións ao documento da Confederación que recibe o nome de "Estudio de alternativas – Documento ambiental. Mejora de la capacidad de drenaje del rio Limia a su paso por Xinzo de Limia (Ourense)" e que anuncia a intención de realizar un dragado total do río Limia nun treito de 1,4 kilómetros. "Coma no resto do mundo, estas actuacións teñen fracasado unha e outra vez", afirman dende a SGHN, onde non dubidan en acusar á Confederación coma un organismo "creado no século XX" pero con mentalidade do "século XIX". Consideran a draga coma "unha das peores alternativas dende o punto de vista ambiental e de durabilidade". Neste senso, piden que se desboten as alternativas recollidas no estudo relativas á "eliminación de azudes e o reforzo de noiros con muros krainer ou escolleira". Así mesmo tamén solicitan a non realización dos dragados parcial e total así como a non creación dun "bypass cunha nova canle de 30 metros de ancho". Tamén queren que se avalíe a posibilidade de "reconectar coa canle actual a antiga canle meandriforme do río Limia augas abaixo de Xinzo de Limia para que sexa esta a que actúe como bypass natural durante as crecidas", que se recupere "a pequena zona inundable outrora existente entre os ríos Limia e Nocelo augas abaixo da estrada OU-304" e que se reconvirta unha parte do actual parque do Toural "nun pequeno humidal urbano".

O CONCELLO DEFENDE A LIMPEZA

Dende o consistorio, pola súa banda, afirman que "o río Limia ten, no seu tramo urbano, moita area e maleza no cauce" o que, segundo o tenente de alcalde, Manuel López Casas, "leva consigo que cando é inverno o cauce estea obstruído e a auga non corra". Segundo Casas, as actuacións solicitadas non son máis que unha "drenaxe para que ese depósito de terras que hai no tramo urbano desapareza". Defende que as accións contempladas no estudo ambiental da Confederación "non interfiren para nada en ningunha norma municipal". "Os grupos ecoloxistas teñen unha voz autorizada e ninguén desconfía de que o fagan por mal", conclúe o número dous do goberno local.