O pleno de Xinzo aproba por unanimidade solicitar unha unidade de coidados paliativos

O pleno de Xinzo aproba por unanimidade solicitar unha unidade de coidados paliativos

Na sesión tamén se tratou a falta dunha enfermeira en pediatría

O pleno municipal da mañá do martes, deu conta dos acordos adoptados na xuntanza de portavoces. Nela e por unanimidade de tódolos grupos, aprobouse instar á Consellería de Sanidade para que se instale unha unidade de coidados paliativos con base en Xinzo de Limia. Na mesma área e por unanimidade tamén, acordaron instar á Consellería de Sanidade para que se manteñan as dúas prazas de enfermaría en pediatría no centro de saúde de Xinzo.

Por outra banda, procedeuse á aprobación definitiva da Ordenanza fiscal que regula as taxas por ocupación de terreo público, con mesas e cadeiras e outros análogos, con fins lucrativos. Resoltas as alegacións, agora o prezo pasará por metro cadrado de chan público ocupado e non por mesa e catro cadeiras. O PSOE votou en contra sinalando que son prezos moi altos os que se lles cobran ós locais. Xinzo Adiante tamén votou en contra e propuxeron o pago mensual da taxa e que logo se puidera renovar cunha prórroga. O PP votou a favor e apuntaron que deste xeito "evitarase que os locais usen máis espazo público que o que notifican ó Concello". O BNG abstívose.

Outro dos puntos que se tratou, é a adhesión do concello de Xinzo a un convenio de cooperación coa Deputación de Ourense, en materia de tranparencia e información pública. Isto é , facilitar que a poboación poida acceder a información do consistorio en base á lei de transparencia. Os grupos PSOE, PP e BNG votaron a favor da proposta. XA abstívose alegando que a Deputación non é o máximo expoñente en transparencia.

Deuse conta da moción presentada por XA en materia de incendios forestais que conta co apoio da oposición. O PP votou a favor de dous puntos que recollen en materia de prevención. Outra moción da que se falou foi a que presentou o PSOE en canto á acollida de refuxiados sirios. Contaron co apoio de BNG e XA. O PP súmase ó recoñecemento da crise humanitaria pero sinala que o concello non dispón de medios e apela ó goberno estatal como ente encargado de xestionar o problema.

Na quenda de rogos e preguntas, destacou a pregunta de XA sobre quen xestiona a apertura do Museo do Entroido. O alcalde apuntou que o concelleiro Carlos Gómez xunto con Xesús Fariñas, son os encargados do museo, á espera dun convenio coa Deputación para designar a un responsable da institución.