Os técnicos do concello non avalan as alegacións dos veciños de Parada

339
Os técnicos do concello non avalan as alegacións dos veciños de Parada

O alcalde de Xinzo de Limia, Antonio Pérez, manifestou hoxe en rolda de prensa que o contido do informe dos técnicos do concello non avala as alegacións postas polos veciños de Parada

O alcalde de Xinzo de Limia, Antonio Pérez, manifestou hoxe en rolda de prensa que o contido do informe dos técnicos do concello non avala as alegacións postas polos veciños de Parada de Ribeira á licenza concedida para a instalación dunha planta asfáltica na localidade.

Entre os argumentos esgrimidos polos veciños nas súas alegacións atopábase a referencia a casos similares noutras comunidades autónomas. Neste senso a resolución dos técnicos xurídicos municipais estipula que neses outros casos a planta asfáltica íase construír sobre unha zona de especial protección ZEPA, polo que non é estrapolable ao caso limián.

Malia que reiterou o seu apoio ás reivindicacións dos veciños e veciñas, afirmou que os técnicos do concello rexeitaron as alegacións dende unha perspectiva de respecto á norma administrativa e á legalidade vixente. Así mesmo, afirmou que só queda recorrer xudicialmente pola vía do contencioso-administrativo e lembrou que o apoio do grupo do goberno ás reivindicacións dos veciños é total. Neste senso, ofreceu a súa asesoría xurídica persoal para a interposición deste recurso xudicial, se a veciñanza decidise continuar por esta vía.