A transformación da rúa Sitibal, xa aberta ao tráfico, queda agora pendente do soterramento do cableado

Travesía da Moreira
A transformación da rúa Sitibal, xa aberta ao tráfico, queda agora pendente do soterramento do cableado
A Travesía da Moreira, que soportou o paso dos vehículos mentres se realizaron as obras, xa está arranxada provisionalmente á espera da execución dun proxecto de mellora a tres bandas coa Xunta e a Deputación

Os vehículos xa circulan por unha renovada rúa Sitibal que, xunto ca Cepetal, locen como amplos viarios de 16 metros de ancho, incluídas aceiras e prazas de estacionamento. Despois de que se levasen a cabo os traballos de pintado da sinalización horizontal, a recepción da obra está pendente dos últimos flocos, como o soterramento dos cables de Fenosa e Telefónica, o arranxo de varios accesos a propiedades ou a instalación de nova sinalización. Xinzo incorporará así unha nova zona de expansión ao seu casco urbano.

SitibalA apertura ao tráfico da Sitibal xa é unha realidade despois de meses de traballos nos que se dotou á pista de servizos básicos de saneamento, abastecemento, alumeado e beirarrúas, froito dunha intensa negociación do actual goberno local cos máis de 40 titulares afectados, que accederon á cesión dos metros de fachada que lle corresponden a cada un para dotar ao viario destes servizos, o que tamén revaloriza as súas propiedades.
O concelleiro de Urbanismo do Concello de Xinzo, Ramón Gómez, explicou os últimos detalles que se levarán a cabo nos próximos días: “Queda pendente o soterramento do cableado de Fenosa e Telefónica, no primeiro caso xa se xestionou a actuación. Ademais, estase en contacto con varios propietarios para levar a cabo o arranxo dos accesos e tamén prevese a instalación de nova sinalización horizontal”.

Mentres se realizaron as obras na Sitibal, a Travesía da Moreira soportou o tráfico como vía alternativa e isto lle pasou factura. Por iso, o Concello levou a cabo traballos para o arranxo do firme, que se atopaba deteriorado e para o que foi necesario realizar un bacheado provisional á espera da execución do proxecto de máis de 350.000 euros no que se mellorará o acceso a varias vías do entorno. É, en concreto, un convenio entre a Deputación de Ourense, a Secretaría Xeral para o Deporte e o Concello de Xinzo de Limia que se encontra na última fase de tramitación e que contempla a creación dun carril bici e unha senda peonil duns 700 metros.

Plan de mellora das pistas do municipio

Dentro deste plan de bacheado para mellorar as pistas do municipio tamén nos últimos días se levaron a cabo traballos na de Os Castros que une a estrada N-525 coa de A Devesa á altura do Gadis e a que comunica os lugares de San Vitorio e Ganade. O presuposto para realizar estas actuacións ascendeu a 14.520 euros.