A veciñanza de Xinzo indignada por mor do recibo do lixo

Casa_do_concello,_Xinzo_de_Limia,_Ourense_12
A veciñanza de Xinzo indignada por mor do recibo do lixo

Un amplo grupo de veciños e veciñas están recibindo a notificación de novos recibos de lixo que se lles reclaman con anos de atraso. Segundo denuncian os socialistas da vila, confírmase a emisión de 1.470 novas altas no catastro. Elvira Lama destaca que esta situación "está provocando que numerosos veciños están recibindo notificacións da taxa de lixo do ano en curso e de anos anteriores".

A portavoz socialista engade que en moitos casos, os veciños non foron notificados das novas altas levadas a cabo pola revisión do catastro do Concello, logo de realizar unha nova inspección o ano pasado.

Os socialistas sinalan que o recibo do lixo en Xinzo está regulado pola ordenanza nº 8 aprobada no 2014, cunha contía de pago de 54,04 euros para os casos da vila, e 44.95 nas aldeas, recibos que " chegan mutiplicados por X en función das novas altas que se fixeron e co incremento do IPC anual correspondente".

As denuncias van máis alá e destacan que se están gravando construccións que non teñen categoría de vivenda ou uso residencial polo que a indignación da veciñanza medra máis. Dende o PSdeG indican que "danse casos nos que un mesmo inmoble está pagando dous recibos do lixo e mesmo chegan recibos de alpendres e palleiras".

Con estes feitos sobre a mesa os socialistas piden máis control dos servizos de recadación tanto do Concello que envía os datos, como da Deputación que se encarga de emitir os recibos.

As reclamacións comezan a circular pero para efectualas as persoas deben desprazarse ata Ourense. Elvira Lama pídelle ó rexedor de Xinzo que solicite a asistencia do servizo da Deputación á hora de asesorar ós veciños para facer reclamacións, exencións e bonificacións e evitar as viaxes dos afectados ata a cidade das Burgas.

Dende o Concello e segundo as declaracións que recolle un medio de comunicación, apuntan que se trata dun erro á hora de actualizar o padrón do lixo e que están traballando para correxilo canto antes ó tempo que están atendendo todas as reclamacións.