Cinco videocámaras instalaranse no corazón de Xinzo para garantir a seguridade de veciños e visitantes na fin de semana grande do Entroido

Plano de colocación das cámaras de vixilancia
Cinco videocámaras instalaranse no corazón de Xinzo para garantir a seguridade de veciños e visitantes na fin de semana grande do Entroido
Para colocar as cámaras será preciso restrinxir o tráfico nas inmediacións da Praza Maior dende as 17.00 horas

Para que os veciños e visitantes só teñan que pensar en vivir o Entroido coa ilusión que caracteriza a estes tradicionais festexos e sen incidencias, o Concello de Xinzo de Limia traballa arreo para garantir a súa seguridade. Hai unha semana que se celebrou na Casa Consistorial unha reunión na que estivo presente a alcaldesa, Elvira Lama; o concelleiro de Cultura, Ramiro Rodríguez; o edil de Tráfico e Seguridade, Ramón Gómez; ademais de responsables de Protección Civil, Policía Local, Garda Civil e Axencia Galega de Emerxencias. Coordinouse así o dispositivo de seguridade para as próximas horas.

Esta será a fin de semana grande do Entroido e a videovixilancia será clave para previr os incidentes. A Axega instalará un Posto de Mando Avanzado e cinco videocámaras nos seguintes puntos:

-Cruce da Avenida de Ourense coa Rúa Marcelo Macías: Cubrirá a parada de autobuses, a Avenida de Ourense e a Rúa do Peto.

-Esquina Avenida de Ourense coa Rúa do Peto: Cubre Marcelo Macías.

-Avenida de Madrid, fronte a Praza Xoán XXIII: Cubre Avenida de Madrid e Praza dos Ovos.

-Esquina da Rúa Constitución con San Roque: Cubre o Barrio de Abaixo.

O camión da Axega permanecerá na Praza Maior e a súa videocámara cubrirá esta zona. Para permitir a instalación deste vehículo e dos dispositivos de videovixilancia será preciso restrinxir o tráfico dende as 17.00 horas de mañá. Ás 22:00 horas está previsto que se poña en funcionamento o Posto de Mando Avanzado (PMA) ata as 6:00 horas.