Juan Manuel C.P. aceptou onte no Xulgado do Penal 2 unha pena de 20 meses de cárcere por un delito de lesións. Ao inculpado, que aceptou a rebaixa proposta pola fiscal en caso de conformidade, quédalle suspendida a pena durante dous anos a condición de que realice 120 días de traballos en beneficio da comunidade.
A fiscal reclamaba para o inculpado 30 meses de prisión e unha indemnización de 2.246 €.
Os feitos que onte chegaron a xuízo ocorreron sobre ás 7:30 horas da madrugada do pasado 13 de decembro de 2015 cando o acusado se atopaba nun bar de Xinzo de Limia e iniciou unha discusión con outro cliente. No transcurso da discusión, Juan Manuel C.P., con intención de menoscabar a integridade física de R.L.R., golpeouno na cara cun vaso de cristal.
Como consecuencia destes feitos, o denunciante sufriu lesións na mandíbula, na tempa e un hematoma superficial na rexión frontal esquerda, feridas que requiriron unha serie de puntos de sutura.
O agresor tiña antecedentes por violencia de xénero.
Nun primeiro momento, a fiscal reclamaba para o inculpado 30 meses de prisión e unha indemnización de 2.246 € pero a acusación pública retirou a responsabilidade civil ante a renuncia expresa do prexudicado.
Na fixación da pena, tívose en conta o agravante de reincidencia xa que Juan Manuel C.P. fora condenado en 2013 por violencia de xénero.