Visita de membros do grupo de goberno de Xinzo ás obras da Reitoral

rectoral
Visita de membros do grupo de goberno de Xinzo ás obras da Reitoral

As obras na Casa Reitoral de Xinzo avanzan a bo ritmo e paliarán o deterioro que sufriu este inmoble de gran relevancia patrimonial

Para que o paso do tempo non siga deteriorando a Casa Reitoral de Xinzo, un inmoble de gran relevancia patrimonial e histórico-artística, o Concello sumou esforzos coa Xunta de Galicia, o Bispado e a Deputación de Ourense. A catro bandas firmouse un convenio para levar a cabo a súa restauración. Agora, cando está a piques de cumprirse un ano dende que se aprobou o proxecto das obras, os resultados comezan a ser visibles. A alcaldesa, Elvira Lama, coñeceu os avances dos traballos nunha visita ás instalacións, emprazadas no corazón da vila, e na que estivo acompañada do concelleiro de Urbanismo, Ramón Gómez, e do párroco de Xinzo, Jaime Collazo.

Con máis detalle, o proxecto para o acondicionamento integral da Casa Reitoral contempla a habilitación das dependencias degradadas con humidades e a construción de tres vivendas para os sacerdotes da parroquia na planta alta. A parte baixa dedicarase a actividades como o catecismo, salas de reunións ou locais para Cáritas. Entre as actuacións de mellora tamén destaca a recuperación de elementos arquitectónicos tradicionais como o pasillo existente na fachada norte e a eliminación de elementos engadidos con formigón. Tamén está previsto que a fachada exterior sufra modificacións que favorezan a recollida de augas pluviais.

O presuposto para levar a cabo a rehabilitación da Casa Reitoral de Xinzo ascende a 500.000 euros. A Xunta de Galicia, o Bispado e a Deputación aportan cada unha 150.000 euros, colaborando o Concello co importe restante. Cómpre destacar que a intervención neste inmoble, exemplo da arquitectura civil do século XIX, era moi necesaria polo seu preocupante estado de conservación.