jueves. 11.08.2022

XA pide a remodelación do cobro do IBI urbano a parcelas nas que non se pode edificar

Presentaron unha moción para instar ó Concello a que solicite ó Ministerio unha revisión dos valores catastrais

concelleiros grupo XA

    Xinzo Adiante denuncia que o Concello de Xinzo de Limia non distingue o cobro do Imposto de Bens Inmobles entre terreos urbanos e urbanizables. No que repercute esta medida é que as parcelas que non teñen as condicións óptimas para poder edificar nelas cóbraselle o mesmo importe que as que si se poden construír algún tipo de edificio. 

"Trátase en definitiva de cumprir unha sentenza do Tribunal Supremo que afecta a todos os Concellos e regularizar unha situación inxusta, que afecta a moitos propietarios/as no noso municipio, que están pagando un IBI que, polas características das parcelas e o seu uso, non deberían pagar", sinalan dende XA. 

Dende a formación destacan que a medida vai repercutir na recadación municipal. Consideran precisa unha compensación económica mediante o incremento da achega estatal á facenda municipal a través da participación nos ingresos do Estado.

Por todo isto presentaron unha moción na que instan ó Concello a que solicite ó Ministerio de Facendo unha revisión dos valores catastrais.

"Cumprir co ditado o 30 de maio de 2015 polo Tribunal Supremo, que indica que os propietarios de terreos considerados nos Plan Xerais Municipais como urbanizables e que, pola súa propia definición, aínda non son urbanos,porque non foron sometidos a obras de urbanización, non pagarán o Imposto de Bens Inmobles de natureza urbana, senón rústica", engaden dende Xinzo Adiante. 

 

Comentarios