Xacobeo informa que en novembro dotarase de persoal o albergue de Xinzo para a súa apertura

Albergue peregrinos
Xacobeo informa que en novembro dotarase de persoal o albergue de Xinzo para a súa apertura

A piques de cumprirse un ano dende que remataron as obras do albergue de Xinzo a súa apertura está máis preto.

O Xacobeo púxose en contacto co Concello de Xinzo este mércores para anunciarlles que "o día 9 procederase a adxudicar o albergue á empresa de servizos que vai xestinar todos os albergues da Xunta e a partir desa data procederase á dotación de persoal para o completo funcionamento das instalacións", segundo confirmou o concelleiro de turismo, Carlos Gómez.

Unha vez que finalizaron as obras do albergue de peregrinos da man do Concello de Xinzo, as instalacións pasaron a mans da Xunta de Galicia quen se encarga de por en funcionamento o local a través dunha empresa. Así se levou a cabo aínda que a adxudicación tardou máis do que agardaban tanto o Concello como os peregrinos que pasan pola zona.

Con este anuncio parece que as intalacións poderán comezar a funcionar no mes de novembro. O albergue conta con 15 prazas, unha das habitacións é para persoas con mobilidade reducida e para garantir unha correcta atención de tódolos servizos precisa dun mínimo de dúas persoas, segundo fontes municipais.