Xinzo acolle un taller de programación e robótica dirixido a menores de 15 anos

robot
Xinzo acolle un taller de programación e robótica dirixido a menores de 15 anos

As actividades terán lugar os sábados entre abril e xuño

O mundo da programación e a robótica será máis accesible para os cativos a través do "Ourense ICC Kids". O taller recolle unha serie actividades coas que os nenos e nenas da Limia poderán aprender conceptos como a creación de videoxogos.

O obxectivo é integrar o mundo das novas tecnoloxías entra os pequenos de maneira lúdica. Para tal fin aprenderán o uso do "Scratch", unha linguaxe de programación orientada á ensinaza principalmente mediante a creación de xogos.

Os participantes usarán materiais diversos como sensores de luz, leds, micrófonos... Todo para por en marcha placas electrónicas e conectar así as distintas partes dun circuíto sen soldar nin cortar cables.

O taller está dirixido a nenos e nenas de entre 8 e 15 anos. As actividades vanse desenvolver tódolos sábados dende o 9 de abril ata o 25 de xuño, de 10h a 13h. O lugar será a aula CEMIT da Casa da Cultura de Xinzo de Limia.

As inscricións poden facerse no enderezo www.ourenseicckids.com, na Casa da Cultura ou nos centros escolares.