Xinzo aproba os seus orzamentos para o 2017

IMG_7145
Xinzo aproba os seus orzamentos para o 2017

Como era esperado, o documento orzamentario inicial presentado polo grupo de goberno será o que se aplicará no vindeiro ano 2017, sen ningunha modificación nin engádega.

Na mañá do xoves 29 de decembro celebrouse o derradeiro pleno ordinario do ano no Concello de Xinzo de Limia. O principal punto na orde do día era a xa anunciada aprobación dos orzamentos para o 2017. Non houbo sorpresas e a maioría absoluta que compoñen o grupo popular e máis o alcalde Antonio Pérez, aprobaron o documento co voto en contra da oposición en bloque.

Na sesión, o voceiro do BNG Ramiro Rodríguez, parabenizou en ton irónico ao grupo de goberno por "aprobar os orzamentos en tempo e forma", o que considerou "un fito na historia deste concello". Chamou tamén a atención a respecto da partida de ingresos, que "por parte do Estado e da Xunta de Galicia", non fai máis que "minguar". Sinalou como negativo que as transferencias correntes diminúan "en máis de 100 mil euros" e destacou que desaparezan programas –cun valor de 150 mil euros– por parte de Xunta, "como o Programa de Acollida ao Inmigrante ou o Centro de Información á Muller".

Referiuse tamén ao apartado de gastos, onde chamou a atención arredor do "incremento da partida de enerxía eléctrica". Así mesmo, rematou a súa intervención inicial denunciando "a falta de proxecto do grupo de goberno".

IMG_7142

O voceiro municipal do grupo Xinzo Adiante, Manuel Pérez Campos, queixouse de que a información que transmite sobre os orzamentos o grupo de goberno estea só en castelán cando a lei obriga ás administracións públicas á promoción activa do galego nos seus documentos. "O 99% da información recibímola en castelán", afirmou. Tamén parabenizou ao goberno municipal por aprobar os orzamentos, "por primeira vez", en tempo e forma.

Sinalou que había partidas que non entendían, como a "reducción de 700 mil euros en gasto de persoal". Segundo os informes amortízanse algunhas persoas e os concelleiros de XA consideraron que é unha reducción "moi drástica".

Tamén sinalou e pediu explicacións con respecto á partida de enerxía eléctrica pois, segundo Pérez Campos, "díxose que ía haber un servizo de mantemento que ía disminuír o gasto e sen embargo vemos que non hai tal disminución".

Con respecto á listaxe de axudas ás asociacións afirmou o voceiro de XA que estaba de acordo en que había que apoiar ás asociacións que teñen interese público. "Ese non é o caso dos 4 mil euros de axuda que se lle conceden á sociedade Casino Antelano cando para a protección da muller tan só asignan 1000 euros", denunciaron no pleno. "O Casino ten os seus socios para se manter e solicitamos que se lle conceda esa partida a outras asociacións que realizan unha labor social, como por exemplo Limisi". A solicitude non foi atendida por parte do goberno.

Reclamou Xinzo Adiante, ademáis, que unha parte da partida "de libre disposición" –uns 290 mil euros–"sexan participativos e que sexa a cidadanía a que diga en que gastalos segundo as súas prioridades".

"Botamos de menos unha partida para potenciar a pequena empresa e o comercio xunto cunha para atender á diminución de poboación que xa ten a Xinzo por baixo dos 10 mil habitantes". Esta situación ten un custo económico e afirmou que "debemos facer algo para paliar esta sangría poboacional". "A xente non ten saída laboral e por iso marcha", concluíu Campos.

IMG_7134

A voceira socialista denunciou que "nin o alcalde nin o grupo de goberno fixo nin leu os orzamentos". Segundo ela iso foi o que afirmou o rexedor Antonio Pérez na comisión informativa previa á sesión plenaria. "Polo tanto non participaron deles e é un documento mollado que vai quedar en nada apenas nuns meses", engadiu Lama.

"Se vostede non é capaz de explicar estes orzamentos, xa para iso estará o señor Casas quen nos botará en cara que non presentamos ningunha proposta alternativa", denunciou en tono retranqueiro a voceira do grupo maioritario da oposición. Así mesmo fixo fincapé nos "problemas de emprendedores mentres se abren grandes superficies onde traballan os amigos e familiares do Partido Popular".

Parabenizou aos veciños e veciñas pois, segundo ela, "foron quen de baixar a débeda deste concello sufrindo as contínuas subas de impostos" do goberno local.

"Nada para prestar servizos aos colectivos vulnerables, nada para fixar poboación nin para fomentar a natalidade, nada para a solidariedade..." destacou Lama para mostrar o seu desacordo co formulamento do documento orzamentario.

"Piscinas exteriores deficientes, casa consistorial con obras sen rematar dende hai anos, parques sucios e mal coidados, páxina web mal feita e sen contidos, nada de espectáculos musicais ou de ocio nun ano no que o fillo predilecto desta vila –Carlos Casares– recibe o premio das Letras Galegas 2017", concluíu a voceira socialista.

IMG_7140

Foi o turno do voceiro do grupo popular, Manuel López Casas, que destacou que "este pleno é o máis importante do ano porque é cando se debaten as iniciativas das oposicións, que son nada de nada de nada". Parabenizou, así mesmo, ao concelleiro de Facenda –Carlos Gómez– "polo seu traballo".

"Hai posturas optimistas, pesimistas e realistas e nós somos os realistas" destacou.

"No capítulo de investimentos fixemos caso á oposición e incrementamos a partida en máis de 800 mil euros", afirmou tamén Casas. Ante o cuestionamento da oposición para que detallase en que investimentos se ía gastar esa partida, afirmou que "non é un caixón desastre pois van ir ao concello de Xinzo", pero non detallou cales ían ser os investimentos concretos.

"A reducción da débeda é froito dunha boa xestión", continuou o voceiro popular. Aproveitou para presumir de números desa "boa xestión" coa afirmación de que "no ano 2011 había no parque empresarial 19 empresas e hoxe hai 39".

"O día que a oposición nos aplauda por todo o que facemos é que o estamos a facer fatal" comentou, retranqueiro, para concluír que este "é o mellor orzamento que podiamos ter para o ano 2017, ben distribuído e ben razonado".

IMG_7150

Ante a acusación do goberno local de que a oposición non presentara emendas ou aportacións para modificar ou incluír nos orzamentos, a oposición en bloque destacou o feito de que o documento orzamentario se lles entregara "con apenas 15 días de antelación" impedindo que "dese tempo a estudalos en profundidade". "Se verdadeiramente quixesen que puxeramos enriba da mesa as nosas aportacións, presentarían o documento con máis tempo", comentou o voceiro do BNG.

Xinzo Adiante afirmou que eles si que fixeran propostas que non foran atendidas, como "o tema de subvencións a entidades asociativas e unha partida ao pequeno e mediano comercio para apoialo e non ás grandes multinacionais como Mercadona". Os socialistas tamén reivindicaron as moitas propostas que levaban presentado a través das súas moitas mocións e que foran ignoradas. "Nós facemos propostas pero nunca parecen do seu agrado porque como di vostede con desprezo, vostedes son os que gobernan", espetoulle Elvira Lama a López Casas. "Non admiten as aportacións nin do seu propio grupo de goberno, como a demanda de Carlos Gómez de construír un auditorio novo e máis grande", concluíu.

Pola súa parte, o rexedor –agora independente, trala súa baixa do PP polos problemas xudiciais– Antonio Pérez, lembrou que el lles ofrecera (á oposición) "que presentaran os orzamentos para o 2017 hai dous anos e non o fixeron". "Vostede, señora Lama, non aporta nada de nada", engadiu.

"Vaian á documentación e mírena", espetoulles Pérez aos voceiros da oposición para mostrar o seu desacordo cos números que dixerans obre a débeda municipal en anos anteriores.

"Como aquí hai dous idiomas oficiais nós non temos ningún problema con ler en castelán", respostou o alcalde á queixa de Xinzo Adiante con respecto ao idioma en queran presentados os documentos.

"Imos ter unha partida de en torno a 50 ou 60 mil euro para o ano Carlos Casares", afirmou, trala denuncia da súa ausencia por parte da oposición, a pesares de que non aparecía especificada no documento orzamentario que se lles entregara. "Os 4 mil euros do Casino Antelano van nesa lliña", engadiu.

"Hoxe o Concello de Xinzo de Limia anda en torno aos 10.070 habitantes, así que non diga datos ao chou que escoitou no bar tomando unha cervexa", lle espetou ao voceiro de XA.

"O das barreiras arquitectónicas e o soterramento do cableado non se fai porque ten un custo elevadísimo", concluíu.

Finalmente, e como era esperado, o documento orzamentario inicial presentado polo grupo de goberno será o que se aplicará no vindeiro ano 2017, sen ningunha modificación nin engádega.