Mañá venres, a partir das 13:30 horas, terá lugar o pleno ordinario do Concello de Xinzo de Limia no salón de plenos da Casa Consistorial.
Entre os temas recollidas na orde do día, destaca a aprobación inicial da Ordenanza Xeral de Subvencións do Concello de Xinzo de Limia, o convenio coa Confederación Hidrográfica do Miño-Sil e a cesión do vial OU-P-000 que une Xinzo de Limia con Vilar de Barrio dende o enlace coa Autovía A-52.
Así mesmo tamén se debaterán e votarán unha moción conxunta de todos os grupos municipais para esixir a chegada do AVE a Galicia nos prazos previstos e mantendo a variante de Ourense que o Ministro de Fomento, Íñigo de la Serna, chegou a cuestionar en diversos medios de comunicación.
Outra das mocións que se debatirán, presentada conxuntamente por todos os grupos, é a que recolle a petición de que prevaleza sempre o nome de Xinzo de Limia en troques de Ginzo de Limia –e que xa adiantara o dendealimia.com–.
Por último, a convocatoria recolle a aprobación, se procede, do "Plan de acción de enerxía sostible" para o municipio e unha nova moción conxunta para a protección da saúde fronte ao amianto ou asbesto.