Xinzo instalará un guindastre nas piscinas climatizadas

Montse Lama, deputada e voceira da Xunta de Goberno
Xinzo instalará un guindastre nas piscinas climatizadas

Xinzo recibirá da Deputación case 4.500 euros dun total de 380 mil de inversión provincial, sendo o único municipio da Limia beneficiado por estas axudas.

A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense vén de aprobaar unha serie de axudas a concellos e asociacións da provincia en materia de infraestruturas, cultura, deporte e benestar. O Concello de Xinzo de Limia recibirá o importe de 4.494 euros, que se destinarán á adquisición e instalación dun guindastre na piscina climatizada do municipio.

As axudas foron aprobadas na mañá de onte no Pazo Provincial e o importe total ascende aos 380.380 euros. Así o informou a deputada de Transparencia e Goberno Aberto da Deputación de Ourense, Montserrat Lama, quen deu conta dos acordos da Xunta. Entre os outros concellos beneficiados da provincia atópanse o Concello de Boborás cun importe de 77.019 euros para velorios municipais, o de Cortegada cunha axuda de 99.116 euros para a segunda fase do seu campo de fútbol, o de Laza para a instalación dunha estación reemisora de televisión dixital terrestre en Camba por importe de 17.000 euros, o de Nogueira de Ramuín con 25.000 euros para a adquisición dunha rozadora de brazo e o de Punxín con 9.891 euros para pavimentación.

Tamén resultou beneficiada a Mancomunidade Voluntaria de Municipios da Comarca de Ourense, cunha axuda de 60.000 euros para o peche, construción e posta en marcha dun Punto de Atención á Infancia. No relativo á cooperación con asociacións, a Xunta de Goberno aprobou dúas axudas para a Asociación Cultural FETEGA de 10.367 euros e, para a Asociación de Empresarios do Polígono Barreiros de 20.000 euros, ambas destinadas aos gastos das entidades correspondentes ao ano 2016.

Asemade na xuntanza aprobouse a resolución da convocatoria do concurso para a concesión de axudas a concellos e mancomunidades de municipios para a organización de actividades físico-deportivas 2016, na que se aproba un importe total de 57.492 euros a repartir entre preto de 60 concellos da provincia de Ourense para distintas actividades deportivas.