viernes 3/12/21
Estarán preparadas nun mes, segundo afirmou o concelleiro no pasado pleno

Xinzo mellora a calidade da auga das piscinas e acoutará parcelas e zonas de paso para que sexan un lugar seguro

Estase a traballar na posta en marcha dun sistema de cloración automática e de control do PH que levaba anos sen empregarse
Visita dos concelleiros responsables e a alcaldesa ás piscinas públicas
Visita dos concelleiros responsables e a alcaldesa ás piscinas públicas

O Concello de Xinzo de Limia ultima as obras de mellora das piscinas exteriores, co obxectivo de abrilas ao público a mediados de xuño como vén sendo habitual ca chegada do bo tempo. Os traballos centrarase en mellorar a calidade da auga e estase xa a traballar na posta en marcha dun sistema de cloración automática e de control do PH que levaba anos sen empregarse. O concelleiro de Infraestruturas, Rafa Penabad, insistiu na necesidade de levar a cabo esta actuación:“Resulta de vital importancia traballar non só no que se ve, senón tamén no que non se ve, como é o tratamento das augas”.

Nesta liña de melloras que xa se comezou o ano pasado, levouse a cabo a substitución de filtros de area e chaves de paso en mal estado, ademais de realizarse melloras no sistema de aspiración. A impermeabilización é outro dos temas que preocupa e estase a traballar no sellado dos vasos para evitar que se produzan as perdas de auga. A imaxe das piscinas exteriores tamén mellorará coa substitución das lousas deterioradas.

Para garantir a seguridade dos usuarios destas instalacións de Xinzo de Limia, está previsto delimitar a superficie en parcelas e favorecer así que se manteña a distancia de seguridade. Xa se fixo no pasado período estival e aos usuarios, no momento no que adquirían a entrada, asignábaselles un espazo do que só deberían saír para dirixirse ás piscinas, á cafetería ou aos aseos, se ben se delimitaron uns camiños de ida e volta.