Xinzo e Ponte de Lima recuperan o fraternal abrazo ao río Limia despois do parón debido á pandemia

abrazo
Xinzo e Ponte de Lima recuperan o fraternal abrazo ao río Limia despois do parón debido á pandemia
O alumnado dos CEIP Rosalía de Castro parten hoxe cara a Ponte da Lima e os do Carlos Casares mañá para unirse a escolares da localidade lusa e compartir un par de xornadas de posta en valor do río

Neste outono máis que nunca o río Limia necesita un gran abrazo. Despois dun verán marcado pola seca e de que a pandemia frease a visita dos escolares as súas ribeiras, Xinzo e Ponte de Lima recuperan a actividade ambiental “Abrazando ao Limia”. Nestes días, os alumnos e alumnas de cuarto de Primaria dos CEIP Rosalía de Castro e Carlos Casares visitarán a localidade portuguesa para participar neste acto simbólico, que terá lugar mañá. Os e as estudantes do primeiro centro xa parten hoxe cara a localidade lusa, onde xa participarán en algunha actividade, mentres que o alumnado do Carlos Casares farao mañá. O obxectivo desta iniciativa é poñer en valor este espazo natural e transmitir aos máis pequenos a importancia de coidar o río.

Os cativos e cativas incluso terán ocasión de realizar un paseo en barca e outras actividades de concienciación ambiental. O momento máis agardado é o abrazo ao río, no que se demostrará a importancia que para ambas localidades teñen as súas augas.

A actividade “Abrazando ao Limia” recupérase despois do parón da pandemia, xa que non se realizaba dende o 2019. É por iso que estudantes e docentes porán toda a ilusión por recuperar unha iniciativa que demostra a unión de ambas localidades e o seu afán por coidar o medio que lles rodea. Cómpre recordar que Ponte de Lima e Xinzo tamén están unidas polo seu irmandamento desde fai décadas. Ambas posúen moitos puntos en común como o río e contan con espazos semellantes no ámbito da súa comarca.

A iniciativa para a concienciación ambiental terá continuidade en maio, cando os estudantes de Portugal devolverán a visita para realizar un novo abrazo ao río, esta vez dende as ribeiras de Xinzo de Limia.