Xinzo e a primeira muller pantalla son protagonistas en “Arrieiros Somos”, nova serie de Rubén Riós

Trailer de Arrieiros Somos ✨ A visión da vida das e dos nosos maiores
Xinzo e a primeira muller pantalla son protagonistas en “Arrieiros Somos”, nova serie de Rubén Riós

A protagonista do capítulo de mañá é a veciña de Xinzo Lola Martínez, de 87 anos, a primeira muller que se vestiu de “Pantalla”.

A serie-documental aposta pola sabedoría e experiencia das xeracións anteriores, xa que o seu traballo e as súas vivencias foron fundamentais para construír un mundo mellor.

Ruben Riós, no mes de xaneiro, percorreu as rúas de Xinzo de Limia o carón de Lola, unha octoxenaria valente e chea de sabedoría. Durante o traxecto, Lola foi recordando o valor da palabra, a emigración e, como non, o entroido de antano e aquela marabillosa tarde de 1950 que se vestiu de pantalla.

Trátase dun proxecto audiovisual que, segundo o seu propio director, non só pretende entreter senón que o longo dos doce capítulos dos que consta esta primeira tempada, quere empoderar as nosas xentes. “A esas persoas que pola velocidade que vivimos no día a día, non escoitamos tanto… ou non queremos escoitar e que nesta pandemia se converteron nun dos colectivos máis golpeados”, explica Rubén Riós.

O Concello de Xinzo de Limia viu neste proxecto unha oportunidade para homenaxear tanto o Entroido como as persoas como Lola, que nos inculcaron o amor e respecto polas nosas tradicións.

No capitulo non pasou desapercibido polo director o Museo do Entroido Galego situado na rúa Dous de Maio 27, onde se gravaron parte das imaxes.

Neste sentido engade que na entrega de mañá hai unha chiscadela á unión do Entroido Galego en todo o seu conxunto, recordando a todas aquelas persoas de alma entroideira que xa non están entre nos e que fixeron que o Entroido non sexa unha simple festa, senón un sentimento que vai máis alá dunha celebración.

O director quixo estrear este capitulo despois dos días grandes do Entroido, para facer unha reflexión sobre o silencio destes dias, tan inusuais, que nos tocaron vivir.

Cada semana, o longo de cada episodio, tócanse temáticas de interese global, como son: violencia de xénero, tradicións, abandono rural, cambio climático, coronavirus, emigración, soidade, discapacidade ou diversidade.

Tódolos venres, as 21h, na canle de “Orgullo Galego” estréase cada novo capítulo.

Este traballo audiovisual puido levarse a cabo grazas ao departamento de cultura do Concello de Xinzo de Limia e a aposta da empresa Xadigal, patrocinadora oficial dos doce capítulos de esta serie.