Xinzo recibirá unha axuda do Estado de case 1,5 millóns de euros para substituír 4.610 vellas luminarias por LEDs

LUMINARIA 2
Xinzo recibirá unha axuda do Estado de case 1,5 millóns de euros para substituír 4.610 vellas luminarias por LEDs
As arcas locais aportarán arredor de 375.000 euros ata completar unha inversión que se elevará a 1,87 millóns de euros

A factura da luz do Concello de Xinzo rebaixarase considerablemente grazas á axuda de 1.870.000 millóns de euros que acaba de confirmar o Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE) e que ten como obxectivo a transformación a LED e baixo consumo dun total de 4.610 luminarias.

Unha vez que o IDAE aproba a subvención, o Concello ten 15 días para presentar a documentación esixida. Do total de coste do proxecto, o ente público nacional aportará o 80% (1.495.000 euros), mentres que o 20 % restante, que supón unha cifra de 375.000 euros, correrá a cargo das arcas municipais. En calquera caso, para a confirmación da axuda a entidade local deberá comprometerse á financiación do 100% da inversión (é dicir,1,87 millóns de euros).

LUMINARIA 1A actuación, a desenvolver en dous anos e a través de 7 proxectos, suporá o cambio das lámpadas de todo o alumeado público do termo municipal, tanto da vila como dos 32 núcleos de poboación. O aforro será de case un 70% sobre a factura actual anual, que se eleva ata preto de 258.500 euros. As actuais luminarias municipais son de 100 vatios e apenas iluminan, o que é motivo frecuente de queixas entre a veciñanza.
Ademais, cómpre destacar que coa substitución dos puntos de luz non só se aforra na factura, senón que a calidade da iluminación aumentaría e a contaminación ambiental será moito menor, un aspecto ao que a alcaldesa de Xinzo, Elvira Lama, lle concede una especial relevancia. “O Concello nunca pedira estas axudas, así que considero que foi un gran éxito que nos aprobaran todos os proxectos presentados. Será a forma de recuperar o tempo perdido na renovación das vellas lámpadas por outras máis sostibles tanto económica como medioambientalmente”.

Para o impulso de actuacións e proxectos de eficiencia enerxética e enerxías renovables, o Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE) ten entre as súas funcións a financiación de proxectos e o desenvolvemento e xestión de programas de axudas públicas que afectan os principais sectores consumidores de enerxía.

A orixe dos recursos xestionados polo IDAE proveñen, fundamentalmente, de fondos FEDER, o Fondo Nacional de Eficiencia Enerxética e do presuposto do Estado, así como da financiación propia do Instituto.